O BNG defende no Parlamento galego "o dereito a crear"

A deputada do BNG, Ana Pontón reuniuse hoxe con representantes das e dos creadores para avaliar o impacto en Galiza, da medida imposta polo PP, sobre as incompatibilidades das pensións de xubilación e o dereito a crear

Xuntaza c@s creadores

A portavoz de cultura do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón, reunise hoxe con representantes de asociacións de creadores e creadoras galegas para avaliar o impacto da nova medida regresiva impulsada polo PP contra a creación cultural. Á xuntanza asistiron representantes da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Asociación Galega de Guionistas e da Escena Galega. Trátase do primeiro dos encontros que manterá a viceportavoz nacionalista con entidades galegas do ámbito creativo

A viceportavoz do BNG lembra que a incompatibilidade da pensións de xubilación do PP “é medida inxusta” que afecta a calquera profesional da creación maior de 65 anos e quen desexe continuar desenvolvendo a súa actividade tras a xubilación, “ cobra a pensión ou renuncia a percibir unha retribución polos seus cursos, artigos, conferencias e dereitos de autor/a que a súa obra xere, se con iso supera en ingresos o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) anual bruto; ou continuar achegando o seu coñecemento, froito da súa experiencia ao longo dos anos e percibindo os dereitos de autor/a que lexitimamente lle corresponden, pero renunciando á súa “pensión contributiva e non contributiva.”

 O PP segue no camiño de atacar a cultura galega

A parlamentaria do BNG cualifica de “disparate” esta medida ademais “dun síntoma da barbarie na que está instalado o PP, que atenta contra a cultura e contra o desenvolvemento intelectual do noso pobo”.3

En todo caso, manifestou, estamos ante unha medida que afonda na política que vén protagonizando o PP de recortes á cultura e atrancos ao seu desenvolvemento como o establecemento dun IVE do 21%. Para o BNG, o PP aplica unha política cruel e ataca aos creadores na etapa de maior vulnerabilidade como é a vellez. Ademais, engade Pontón, “o PP aplica unha dobre vara de medir entre as rendas do traballo e as do capital, pois estas ultimas son compatíbeis coas pensións aínda que superen o SMI, e non se entende que se cree un problema que non existe no resto de países do noso entorno”.

A deputada nacionalista e os representantes destas entidades coincidiron en sinalar que moitas das e dos creadores galegos, chegan á xubilación con pensións moi baixas, consecuencia da precariedade do sector cultural galego. Esta medida vai incidir nunha desprotección das e dos creadores, especialmente aqueles con menores rendas que non poden complementar as súas pensións non contributivas co froito do seu coñecemento.

O BNG apoia a oposición do mundo cultural contra a medida do Partido popular

A nacionalista expresa que “o BNG comparte a oposición das persoas que integran o mundo cultural” a esta medida e parécelle “urxente” escoitar a voz do conselleiro de cultura sobre un asunto tan relevante”. Neste sentido, adiantou que o BNG defendera unha iniciativa para solicitar: A compatibilidade da percepción de pensións cos rendementos do traballo derivados da actividade creativa, o cesamento inmediato da campaña posta en marcha polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social que insta ás e os afectados a que elixan entre continuar mantendo unha vida intelectualmente activa ou a súa pensión de xubilación e a apertura dun proceso de diálogo coas organizacións autorais que permita atopar unha solución xusta para quen, ao finalizar a súa vida laboral activa, aínda queren achegar o seu talento ao acervo cultural e científico-técnico.

Ademais indicou que demandarán a elaboración dun estudo que avalíe en que condicións chegan as e os creadores á xubilación e o impacto desta medida na Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG