Vence na homenaxe a Castelao: "O nacionalismo debe ser peza clave na derrota e na alternativa ao PP"

Homenaxe a Castelao en Rianxo 2016

O BNG encara 2016 como un ano decisivo para xerar un cambio en Galiza que ten como prioridade a derrota do PP, na que o nacionalismo que representa o Bloque debe ser unha peza clave. “Ten que ser un ano de cambio, punto de inflexión ás portas dunhas eleccións autonómicas que deben significar a derrota do PP para parar as súas políticas de desfeita deste país e de laminación do autogoberno”, salientou o portavoz nacional, Xavier Vence, no acto de homenaxe a Castelao en Rianxo.

Xavier Vence e Adolfo Muíños na homenaxe a Castelao

“Temos claro que o nacionalismo debe ser unha peza clave nesa derrota do PP nas urnas e na alternativa a este desgoberno do PP”, sintetizou, “e temos por diante unha asemblea nacional na que tomaremos decisións importantes no organizativo, no discurso e nas alianzas que fagan posible esa derrota porque Galiza non pode soportar unha nova lexislatura de desgoberno de Feijóo e do PP”, indicou o dirixente do Bloque.

Vence reivindicou o nacionalismo como “proxecto necesario” para o país, máis aló de que os resultado do 20D fagan necesario “repensar organización, discurso e alianzas”, tendo en conta que a prioridade para a maioría social do país é derrotar ao PP. “E para iso hai que tomar decisión valentes e audaces, sabendo que é preciso sumar para derrotar á dereita e ao centralismo que representa o PP”, explicou.

O portavoz nacional reivindicou o proxecto nacionalista que representa o BNG como “necesario para o futuro deste país”, e instou a “poñelo ao dia” para continuar a ser valorado como “ferramenta útil pola maioría social da nosa nación”. Neste sentido, Vence salientou que o futuro do proxecto do Bloque “xógase” nas eleccións galegas “onde temos a obriga de derrotar ao PP”.

O Bloque considera esencial reverter os efectos das políticas do PP e o proceso de centralización para unha mudanza cualitativa. “Non vai ser fácil pero non é imposíbel. Esa ten que ser a prioridade absoluta na conxuntura na que estamos. Derrotar o PP é unha prioridade para o país e para o futuro do proxecto nacionalista”, salientou Vence invocando os referentes inspiradores de Castelao e Bóveda.

Homenaxe a Castelao en Rianxo 2016

No habitual acto de homenaxe do BNG ao autor de Sempre en Galiza, o alcalde de Rianxo, Manuel Muíños, lembrou que o ilustre galeguista confiaba nas potencialidades da nación galega. “Que pensaría hoxe Castelao ante o intento de privatizar a riqueza da Ría de Arousa contra o que loitan centos de mariscadores e mariscadoras”, denunciou, ante un goberno da Xunta “ausente e de costas á xente do mar, que só é dilixente para desmantelar barcos e reducir capturas en vez de poñerse á fronte dun país que é potencia pesqueira”.

Muíños criticou que o Executivo de Feijóo avale unha normativa en materia de acuicultura “que abre as portas das nosas rías ao capital foráneo”, ao tempo que “non sabe ou non quere atallar a contaminación, as mareas vermellas, pero si pensa en piscifactorías de capital estranxeiro”.

O acto, que tamén contou coas intervencións da primeira tenente de alcalde, Adelina Ces, e da responsable de Galiza Nova no Barbanza, Elvira Blanco, concluíu coa tradicional ofrenda floral ante o busto de Castelao e coa interpretación do himno.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG