Jorquera reprocha ao conselleiro de Industria que presuma de emprego con "salarios de miseria"

Tras a comparecencia do titular de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o nacionalista preguntou pola estratexia para frear a perda de empresas e  falta  de pedidos no sector privado e público do Naval, cuestións sobre as que o conselleiro non respondeu.

Intervención de Francisco Jorquera

 O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntou ao conselleiro de Economía, Industria e Traballo se conta con algunha estratexia para frear a perda das empresa galegas e resolver a situación do naval porque na súa intervención só presumiu do descenso do desemprego a base de “salarios de miseria”.

Jorquera lembrou que Francisco Conde compareceu moitas veces nesta lexislatura pero a pesar diso, “seguimos sen saber que estratexia económica ten para Galiza o seu departamento”. A non ser, engadiu, que considere unha estratexia reiterar “frases feitas e rótulos propagandísticos” como o de Industria 4.0. Que estratexia ten para os nosos sectores produtivos, preguntou Jorquera e por que modelo produtivo aposta o goberno.

Sobre a evolución dos últimos datos económicos, o parlamentario lembrou que o PIB medra pero explicou que nalgún momento “a economía galega tiña que tocar fondo para logo repuntar” e os datos tamén reflicten que seguimos diverxendo e que a fenda segue crecendo ata tal punto que remataremos 2015 cunha Galiza “á cola de crecemento”. Ademais o maior incremento do PIB por sectores prodúcese na construción e na hostalaría polo que volveu preguntar se esa era a aposta do conselleiro pola industria 4.0.

Máis competitividade a costa de producir máis barato con baixos salarios

O nacionalista destacou que os compoñentes cun peor comportamento son “o gasto público” consecuencia das políticas de recorte do Goberno de Feijóo e o “consumo das familias”, consecuencia das políticas de devaluacións interna practicada polos gobernos do Partido popular en Galiza e Madrid.

Francisco Jorquera

Vostedes, dixo, buscaron a competitividade a base de producir máis baixo a costa de rebaixar salarios e incentivar as exportacións pero só a automoción e o téxtil copan o 50 por cento e pretenden con isto “fiar a recuperación da economía? preguntou. É moi importante incentivar a exportación pero é necesario ollar para as Pemes e microempresas moito máis dependentes do mercado interno que do exterior e necesitan que se reactive de xeito vigoroso o consumo. Que “a xente teña poder de compra”, manifestou é máis importante que todas as medidas que vostede anunciou.

Un de cada tres traballador@s galegos cobra menos de 648 euros

Jorquera aludiu aos custes salariais en Galiza cunha baixada do 13% máis que a media do Estado. Hoxe, afirmou a renda anual dun galego é inferior en 3.000 euros a dun español e 12.000 euros dun madrileño, con estes datos non é de estrañar que o consumo medio en Galiza no último trimestre medrara menos da metade que no conxunto do Estado.

Francisco Jorquera

Finalmente, o parlamentario tamén se referiu as políticas de emprego de calidade do PP das que dixo, “un de cada tres asalariados a tempo completo non chega aos 1.000 euros e do total dos traballadores o 31 por cento cobra menos do salario mínimo” e a última EPA confirma que os contratos temporais subiron un 13,8 e os indefinidos 0,2.

O parlamentario rexeitou o “modelo de precarización das condicións laborais” do que dixo, “é incompatible co modelo de crecemento” e rematou a súa intervención preguntando se a consellería de Industria conta con algunha medida para o Naval porque o sector privado ten esgotada a carteira de pedidos e o público “está farto dos seus incumprimentos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG