BNG: rotunda oposición á guera e denuncia da ambigüedade calculada do Goberno Rajoy

Non á guerra imperialista en SiriaA deputada do BNG e membro da Deputación Permanente do Congreso, Rosana Pérez, denunciou hoxe “a estratexia de ambigüidade calculada do Goberno de Mariano Rajoy en relación á posíbel participación do Estado español na guerra que están a desenvolver as potencias imperialistas occidentais, que pretende facernos crer que accionaron o botón de pause até despois do 20-D”.

Rosana Pérez critica que non se convoque a Deputación Permanente do Congreso para unha comparecencia urxente do Presidente do Goberno para dar conta da posición real do Goberno español en relación á petición de Francia de apoiar militarmente a ofensiva en curso, sobre todo após as declaracións favorábeis a se envolver no operativo militar do Ministro de Asuntos Exteriores.

A deputada do BNG considera que “non se está a contar a verdade á sociedade. Estamos asistindo a un xogo oculto que busca estender a doutrina do shock, creando alarma social, medo e inseguranza como pretexto para recortar dereitos cívicos e liberdades e como escenario máis favorábel aos intereses electorais do Partido Popular”.

É o propio Mariano Rajoy quen desvenda as intencións ocultas cando afirma que non haberá intervención “antes do 20 de decembro”. Mais, segundo a deputada, “o BNG defende unha política de Paz, de non intervención e de respecto á soberanía dos pobos agora, antes e despois das Eleccións. Nunca apoiamos as políticas militaristas da OTAN e opómonos rotundamente, hoxe como sempre, a calquera aventura militar ao servizo de espúreos intereses imperialistas”

Neste sentido, Rosana Pérez lembrou que son moitas as evidencias de que o ISIS foi promovido por Estados Unidos e Israel e financiado e armado tamén por países europeos para desestabilizar a República Árabe Síria. “Como podemos constatar polas declaracións destes días, a pretensión dos países da OTAN é apoiar os 'rebeldes' sirios, continuando coas políticas agresivas que teñen levado nos últimos anos guerra, dor e destrución a toda a zona para saciar o apetito económico e xeoestratéxico das potencias imperialistas”, acrecentou.

“Por todo isto -afirma Rosana Pérez- entendemos que Rajoy debe dar explicacións de cal é posición do Goberno español sobre a petición feita o pasado domingo polo Ministro de Defensa francés para concretar o plan de relevo de tropas en Malí e a solicitude de aplicación do artigo 42.7 do Tratado da UE que “obriga os países membros a prestar axuda e asistencia, con todos os medios ao seu alcance” ao país afectado”.

Por último, a deputada do BNG reiterou “a posición do BNG, sempre na liña da paz e contraria ás guerras. A intervención imperialista no Oriente próximo só vai xerar máis violencia, destrucción e morte, como veu acontecendo no Iraque, en Afganistán, en Libia ou en Siria”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG