Tereixa Paz critica "o desleixo" da Xunta co Servizo de emerxencias

Tereixa Paz

A deputada reclamou regularizar a situación dos bombeiros e voluntarios e un novo modelo de xestión nas emerxencias e condicións na mellora da calidade do servizo

Tereixa Paz tras a intevención de Rueda

Tras escoitar a comparecencia do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda para informar do modelo de xestión integrada de atención ás emerxencias de Galiza, a deputada do BNG, Tereixa Paz ironizou sobre a intervención do vicepresidente por referirse a un “novo edificio da Estrada, un camión cisterna gran nodriza e dous drons” en troques de anunciar novas medidas e melloras en materia de emerxencias.

A parlamentaria criticou "o desleixo" da Xunta co Servizo de emerxencias no que, ao seu xuízo, "impera o caos"

Para nós, dixo a parlamentaria, o servizo de emerxencias en Galiza non está funcionando como “servizo público esencial” polo que criticou que o Vicepresidente da Xunta non aludira aos graves problemas detectados no servizo e prestacións en Galiza. No ano 2007, explicou, o goberno tripartito aprobou unha lei de emerxencias que partía dunha constatación, en Galiza contabamos cun servizo de emerxencias “disparatado” cun parque comarcal público en Silleda, vinte parques comarcais xestionados con xestión privada, sete parques públicos de bombeiros nas cidades e gran parte do territorio sen ningún tipo de prestación para atender as emerxencias. Daquela, engadiu, a deputada, a lei perseguía “homoxeneizar territorialmente” o servizo e as condicións laborais dos traballadores e traballadoras así como da calidade do servizo que reciben os cidadáns independentemente do lugar no que residan pero transcorridos oito anos, cada vez introdúcese máis “caos” no servizo ao contar na actualidade cun parque comarcal público, 23 parques privatizados, 7 parques públicos nas cidades e agora, a maiores, “o enxendro” denominado Grupos de emerxencia “supramunicipal”.

Intervención de Tereixa Paz

Para a Xunta as isócronas son aceptábeis

A parlamentaria rexeitou que con estes medios o vicepresidente da Xunta poida afirmar que pretende “ter unhas isócronas aceptábeis” cando en realidade o aceptábel sería que en menos de 20 minutos dende que se produce un sinistro actúen no lugar os servizos de emerxencia pero a realidade é que en Galiza hai moitas partes nas que “isto non se está a cumprir”.

Por outra parte, a parlamentaria preguntou a Rueda porqué non se cumpriu o prazo para elaborar o regulamento de bombeiros e voluntariado para a súa homoxenización e non se teña sequera iniciado o proceso. “Os traballadores presentaron un proxecto e o Parlamento aprobou unha iniciativa do BNG nesta liña”.

Finalmente, a deputada relatou que antes os traballadores coñecían ao minuto todas as chamadas realizadas ao 112 co sistema “remoto eg web” e despois do accidente da Angrois e tras as filtracións do “remoto” daquel día, comprobamos as “mentiras e descordinación da Xunta”. Foi grazas ao voluntariado, enfatizou a deputada que o acontecido aquel día non fora a maiores. A Xunta en vez de mellorar o dispositivo “ se lo cargaron” e puxeron un sistema que funciona “cun pouco de sorte, catro días ao mes”.

Tereixa Paz

A parlamentaria concluíu denunciando que recentemente nun accidente de tráfico en Prado, ao lado de Silleda, o 112 avisou ao Ges de Lalín que está máis lonxe do parque de Silleda e que non conta con material de excarceración. Igual aconteceu nun incendio en Poio co parque de Bombeiros pegado a Pontevedra no que ardeu a casa porque o 112 avisou ao parque comarcal de Ribadumia, “este é o sistema de emerxencias que temos neste país”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG