Ana Pontón pide a retirada do Proxecto Lei do solo do PP porque empeora a actual

Intervención de Ana Pontón

Para a deputada, a nova Lei mantén un “urbanismo zombi” ao servizo da “especulación” e reclama unha nova lei consonse á  realidade de Galiza.

Ana Pontón e a conselleira Beatriz Mato no debate do Proxecto da lei do solo

Ana Pontón pediu hoxe a devolución do Proxecto de lei do solo de Galiza presentado pola conselleira de Ordenación do Territorio, Beatriz Mato porque “desregulariza o solo”, desprotexe o patrimonio, provoca inseguridade xurídica e mantén un urbanismo contrario á realidade galega.

Na súa intervención, a nacionalista asegurou que o proxecto de lei “non soluciona os problemas de urbanismo” máis ben, constituirá “un paso atrás sobre a actual lexislación”. O proxecto, reiterou “desprotexe o territorio e o medio rural”, introduce novos elementos desregularizadores do solo coa intención de consolidar un “urbanismo contrario a tradición do noso país”. Vostedes, inquiriu, queren un urbanismo “disperso cunha ocupación maior do territorio que provoca o encarecemento dos servizos”, ese é o seu modelo, modelo explicou, “que non nace de ningún consenso”.

Unha Lei sen consenso

A deputada lembrou que a comisión de estudo do solo non naceu co fin de ofrecer outra perspectiva urbanística en Galiza, naceu dun proxecto de lei elaborado polo Partido popular “sen consultar con ninguén e que na práctica é unha versión reducida, mala e peor que a lexislación que temos neste momento”. Si vostedes queren facerlle un servizo a este país, dixo, “retiren a lei”.

Ana Pontón

A parlamentaria cuestionou a seguridade xurídica da lei así como a súa capacidade para actuar na solución dos graves problemas de urbanismo, moito nos tememos, dixo, que non acadará ningún destes obxectivos.

Despois de trece anos de reformas, o destino final é unha lei que empeora o marco actual, criticou a nacionalista que ademais aludiu a modificacións sobre cambios aprobados hai menos de un ano no propio Parlamento.

O BNG pide unha nova Lei do solo consonte á realidade galega

Dende o BNG, remarcou, temos moi claro que é preciso una nova política urbanística e unha nova lei do solo pero este proxecto que trae hoxe o PP á Cámara “é inservíbel, non soluciona os problemas e descoñece a realidade galega”. A deputada tamén destacou os problemas derivados da Lei de Costas que non contempla os núcleos rurais preto da costa así como “o paso atrás” no recoñecemento dos montes en man común creando dificultades ás comunidades de montes e as instalacións , “na lei cualifican de solo forestal todos os montes en man común” sen ter en conta, afirmou Pontón, que existen cemiterios, instalacións sociais e actividade agrogandeira.

A Lei do PP desprotexe o Medio rural

Asemade, elimina a centralidade das parroquias na súa prestacións de servizos. A lei “desprotexe o medio rural” e consolida un modelo “liberalizador” do solo que upou a especulación urbanísticas coas consecuencias económicas e sociais nefastas que todos e todas coñecemos.

Ana Pontón

Por outra parte, a parlamentaria referiuse ao cambio que posibilita o paso de solo rústico a urbano tras producirse un incendio. Había excepcións para recualificar estes solos, explicou pero vostedes van a permitir os intereses urbanísticos sobre as zonas queimadas polo que preguntou a conselleira se o Partido popular é consciente da “desprotección do medio rural” permitindo que se urbanice máis do 80 por cento do solo rústico do noso territorio.

A deputada tamén cuestionou a desconfiguración do solo urbano ao “non poñer coto” aos crecementos lineais nas vías de comunicación que nada teñen a ver coa ocupación tradicional e provoca a diseminación dos núcleos.

Pontón reiterou as súas criticas contra a inseguridade xurídica da nova lei e a restrición de autonomía municipal impedindo un reparto competencial claro e de colaboración entre a Xunta e os concellos.

O Plan Básico dos concellos será outro fracaso ao igual que as Directrices do Territorio ou do Litoral, “instrumentos ineficaces que a propia Xunta incumpre” como no caso de ENCE.

A parlamentaria concluíu a súa intervención pedindo a devolución do Proxecto de lei porque desprotexe o patrimonio tradicional. Non ten ningún sentido,dixo, considerar “construcións tradicionais as construídas antes do ano 1975” porque moitas delas, “non teñen nada que ver coa nosa tipoloxía tradicional”. Sobre a eliminación das plusvalías no urbanismo, a deputada preguntou á conselleira Mato a quen están vostedes beneficiando?.

O Proxecto de lei de solo de Galiza foi aprobado só cos votos do PP polo que continuará coa súa tramitación parlamentaria.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG