Intensa actividade parlamentar do BNG no Congreso: balanzo en defensa de GZ e en contra dos recurtes

olaia24f5103O balanzo do traballo do BNG no Congreso dos Deputados unha vez rematada a lexislatura cun Goberno de maioría absoluta do PP, deixa un saldo moi positivo, tanto cuantitativo como cualitativo, de traballo en defensa dos intereses de Galiza en todos os eidos, así como dos intereses e servizos públicos contra os que o Goberno de Rajoy atentou coas políticas de recurtes.

Intensa actividade parlamentar en cifras

As dúas deputadas do BNG, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, destacaron pola súa intensa actividade parlamentar, sumando ambas 1.259 preguntas escritas ao Goberno, 266 proposicións non de lei, 225 solicitudes de comparecencias de Ministros e Ministras, un total de 429 intervencións en Pleno, 20 interpelacións e mocións en pleno, 72 preguntas orais en Comisión, 10 preguntas orais en Pleno, ademáis de 13 solicitudes de informes ao Goberno, 25 proposicións de lei, 81 iniciativas asinadas con outros grupos parlamentares, 45 emendas á totalidade a proxectos de lei do Executivo e presentadas centos de emendas parciais a 83 proxectos. Un total de 2.472 iniciativas, (sin contar os centos de emendas parciais a proxectos), que non esqueceron ningunha materia ou problema.

Un labor entregado a Galiza

Máis, as cifras nada din por si mesmas, e para facer unha avaliación rigorosa da actividade parlamentar do BNG nas Cortes, é fundamental coñecer o seu contido. Un labor centrado basicamente nos problemas de Galiza. Destacado é o labor do BNG en defensa dos afectados polas preferentes e subordinadas, en defensa dos emigrantes retornados polos ataques inxustos do Ministerio de Facenda, as numerosas iniciativas sobre o terríbel sinistro do Alvia, salientando a solicitude dunha Comisión de Investigación, a petición da transferencia á Xunta da xestión dos aeroportos galegos para mellorar as rutas en función dos intereses de Galiza, a reclamación do traspaso ao Goberno galego da materia de Salvamento Marítimo e da autoestrada AP-9.

Moi salientábel o labor desenvolvido polas deputadas do BNG en defensa dos sectores produtivos galegos como o sector lácteo, o sector do cerco, de baixura ou o cefalopodeiro na pesca, así como o sector conserveiro ou o naval.

Importantes son as iniciativas para exixir carga de traballo aos estaleiros públicos de Navantia na Ría de Ferrol. No que atinxe ao naval, tamén salientas as iniciativas para que se resolvese canto antes o expediente da UE polo Tax Lease que prexudicou enormemente ao naval da Ría de Vigo. Relevante é tamén a defensa dos intereses laborais de traballadores de Alcoa, Megasa, Cleante, de Correos, ou os miles de traballadores precarizados das contratas e subcontratas de Telefónica móviles.

No eido das infraestruturas, destaca a demanda da mellora dos servizos ferroviarios galegos, o tren de cercanías, e a modernización da infraestrutura ferroviaria. Ademais da denuncia da rebaixa do AVE a Galiza e os seus retrasos. No relativo ás infraestruturas viarias, destacan as iniciativas sobre a AP-9. O BNG levou incluso ao pleno unha proposición de lei demandando a tranferencia da AP-9 á Xunta que foi rexeitada polo PP e polo PSOE. Destacan as iniciativas demandando unha autoestrada gratuita e libre de peaxes, cun programa de descontos e sancións á concesionaria pola súa mala xestión. Salientan asemade, as iniciativas sobre a A-8.

Unha lexislatura marcada polos recurtes na que o BNG defendeu a permanencia de dereitos laborais, sanitarios, educativos, sociais, económicos...

Ao tempo que as deputadas do BNG trasladaban ao Congreso os problemas de Galiza, tamén tiveron que facer fronte aos duros e anti-sociais recurtes do Goberno de Rajoy, cuxas consecuencias están a padecer no seu día a día traballadores, persoas enfermas, pensionistas, estudantes, persoas desempregadas, desafiuzados das súas casas, e as maiorías sociais máis desfavorecidas.

Dado que non se trata de facer un repaso pormenorizado de cada Real Decreto, convén lembrar o máis importante. O BNG opúxose ao paquete de recurtes en 2012 que supuxo a conxelación do SMI e das pensións, e a redución do salarios de empregados públicos. Votou en contra do resgate bancario que conlevou medidas durísimas para a poboación como o enorme incremento do IVE. Votou en contra da reestructuración bancaria que significou a morte das Caixas galegas.

Asemade, foi moi crítico coas limitadas medidas do Goberno para solventar o grave problema social dos desafiuzamentos, levando as súas propias iniciativas á Cámara, e votando a favor da ILP que pedía a dación en pago. Criticou o “voluntarismo” do Código de Boas Prácticas porque non obriga aos bancos á dación en pago.

As parlamentares do BNG opuxéronse aos distintos proxectos de Orzamentos do Estado porque eran outra expresión do “austericidio” e dos recurtes nos servizos públicos que máis precisa a xente. Importante foi o labor en contra da reforma da lei de interrupción voluntaria do embarazo e a oposición á modificación realizada a final de lexislatura no tema das menores.

De igual xeito, son numerosas as iniciativas do BNG reclamando unha mellora orzamentaria para a Lei Integral de Violencia de Xénero e outras políticas destinadas a reducir os crimes machistas. Tamén destaca a denuncia da desigualdade laboral e salarial das mulleres e o traballo en pro da igualdade.

O BNG opúxose ao Real Decreto do Goberno que introduciu os copagamentos na sanidade e atenta contra o principio de acceso universal á sanidade. No ámbito sanitario, foi destacábel o traballo do BNG para que se facilitase o acceso aos novos fármacos da Hepatite C. Así como a demanda de mantemento da Lei de Dependencia que o PP paralizou.

Tamén merece lembrarse a batalla contra o “taxazo” na Xustiza e que supuxo un ataque ao acceso á xustiza. As iniciativas en contra da redución dos partidos xudiciais e en contra da privatización dos Rexistos Civís e a denuncia do golpe do PP á xustiza universal. Unha constante do BNG foi a reivindicación de máis xulgados para Galiza. E a súa oposición á Reforma Local.

Destacado foi o rexeitamento do BNG á reforma laboral que está a provocar efectos tan perversos, e a precarización extrema do traballo. En relación aos traballadores autónomos, as deputadas nacionalistas pediron máis créditos e denunciaron as trabas da Seguridade Social para que autónomos cobrasen o paro cando tiñan cotizado por elo.

O BNG defendeu no Congreso o dereito a decidir dos pobos que compoñen o estado e a defensa dos procesos soberanistas en marcha.

As deputadas do BNG fixeron un labor de oposición á “Lei Mordaza”, criticando a política represiva do Goberno e o seu obxectivo de rematar coa protesta social. Destacan tamén as iniciativas centradas na defensa da memoria histórica e no recoñecemento das vítimas da dictadura franquista. En canto á política enerxética, o BNG denunciou a falla de medidas do Goberno para loitar contra a probeza enerxética, opúxose á Lei do Sector Eléctrico por eliminar competencias e impoñer unha tarifa única. Subliñábeis son as iniciativas que reclamaron unha tarifa eléctrica galega, e tamén as críticas aos recurtes en enerxías renovábeis como o imposto ao sol.

En materia educativa, hai que pór en valor o traballo de oposición á LOMCE, e a denuncia aos recurtes en bolsas e becas de estudo. As iniciativas en defensa da toponimia oficial galega, vulnerada constantemente pola Administración do estado. Sirva de exemplo o propio Rajoy nunha entrevista en TVE cando empregou a forma deturpada “Órdenes” en lugar de Ordes e “La Coruña” en lugar de A Coruña.

O BNG demandou a modificación do Concordato Estado español-Igrexa Católica para suprimir algúns dos privilexios que aínda ten en materia fiscal ou educativa. Así, as nacionalistas galegas reivindicaron o pagamento do IBI por parte da Igrexa polos seus bens inmóbeis.

Finalmente, o compromiso solidario do BNG coa causa do pobo saharaui, palestino, ou a defensa da soberanía de Venezuela forman parte do traballo no eido internacional. Así como a denuncia da ofensiva enorme que supoñen tratados negociados con total secretismo como o TTIP, TISA ou CETA.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG