BNG acusa a Ana Pastor de "actuar só por fins eleitoralistas" ao inaugurar corredores AVE sen ERTMS

COMISIÓN SANIDADE FEB 2015 007A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara dirixida á Ministra de Fomento para criticar que se poñan en marcha corredores de AVE como o de Valladolid-Palencia-León ou o Eixo Atlántico sen o dispositivo de seguranza ERTMS en funcionamento.

Para Rosana Pérez “está claro que nada se aprendeu da traxedia do Alvia en Angrois hai só dous anos. Aquela curva maldita tampouco contaba co ERTMS, igual que toda a conexión Ourense-Santiago”. Reprocha a deputada do BNG a Ana Pastor que “cegada pola súa ansia de acumular inauguracións e protagonizar anuncios, fai caso omiso do sucedido nunha das maiores catástrofes ferroviarias da historia do ferrocarril e a primeira da alta velocidade no estado español”.

Recrimina á Ministra de Fomento que “de nada lle servisen as análises nin as voces expertas que sinalaron que as cousas terían sido distintas aquel fatídico 24 de xullo de 2013 de ter estado en marcha o ERTMS”. Afirma ironicamente que “aquela famosa frase de responsábeis do Adif e Renfe de que “o risco cero non existe”, é o que parece guiar as decisións, a noso xuizo irresponsábeis de Fomento”.

“É unha irresponsabilidade”

A deputada do BNG considera “unha irresponsabilidade inaugurar conexións de alta velocidade a toda presa e sen contar cos sistemas de seguranza máis avanzados, só porque se aproxima a convocatoria de Elecións Xerais”. En clara alusión ao Eixo Atlántico e á conexión Valladolid-Palencia-León. “Ao BNG cóstalle entender este modo de proceder por parte dos responsábeis máximos de Fomento cando no sinistro de Angrois morreron 80 persoas e houbo 146 feridos”.

Razón pola que dirixe a Ana Pastor unha batería de preguntas: “Como se explica que Fomento poña en marcha corredores de AVE sen contar co dispositivo ERTMS? Nada aprendeu o Ministerio do accidente de Angrois? De verdade pode Fomento facer tábula rasa dun accidente tan terríbel? En serio pode obviar as múltiples voces de expertos e profesionais que criticaron a falla de ERTMS? É posíbel actuar dun xeito tan irresponsábel?”.

Rosana Pérez acusa á Ministra de Fomento de actuar “só por fins eleitoralistas en lugar de velar pola seguridade dos usuarios”. Finalmente, quer saber cando vai ter o Eixo Atlántico o ERTMS en marcha.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG