Rosana Pérez critica a falla de dotación económica do Plan da Hepatite C

BNGimg_0125bA deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que lle demanda que dote ao Plan Nacional da Hepatite C dun orzamento suficiente e concreto.

Rosana Pérez menciona especialmente a situación da poboación reclusa que o Plan identifica como “poboación prioritaria en materia de prevención para reducir a incidencia de Hepatite C”. Denuncia a preocupante situación sanitaria da poboación reclusa dos Centros penitenciarios. “Nos cárceres, a porcentaxe de prevalencia da doenza sitúase nun 20,3%”. No caso de Galiza, falamos dun número aproximado de 750 reclusos infectados.

Ademáis, un 26,8% das persoas reclusas afectadas están coinfectadas polo VIH, o que desencadea unha evolución máis veloz da doenza hepática. A pesar desta situación e de que o Plan defina á poboación reclusa como prioritaria, sabemos que o número de persoas internas en cárceres que están a ser tratadas cos novos fármacos é insignificante.

De aí que inste ao Goberno a cumprir co estabelecido no Plan Nacional para a Abordaxe da Hepatite C en relación ás medidas en materia de prevención destinadas a reducir a incidencia da doenza na poboación reclusa.

A poboación reclusa está definida como “prioritaria” no Plan

Critica asemade a deputada do BNG a falla de consignación financeira do Plan, “pasándolle a pataca quente ás CC.AA, ás que lles prometeu un crédito a 10 anos que aínda o Ministerio de Facenda non autorizou. Moi sibilinamente o Ministerio aprobou un Plan sen consignación orzamentaria”. Xeito de proceder que leva á deputada nacionalista a tildar ao Goberno de “irresponsábel” e de actuar só “a golpe de anuncios”, mentras “moitos presos continúan sen receber os novos tratamentos”.

Nese sentido, advirte que hai CC.AA que se negaron a subministrar os novos tratamentos “porque non poden continuar financiándoos dado que o estado se evadiu astutamente”. “Consideramos inmoral que o Goberno siga aproveitándose deste valdeiro orzamentario que el mesmo creou de xeito intencionado para desinhibirse das súas responsabilidades, mentras centos de reclusos padecen as consecuencias dunha actitude irresponsábel”.

O Goberno debe artellar mecanismos para que cheguen os novos fármacos aos Centros penitenciarios

Razón pola que empraza ao Executivo a canalizar un mecanismo para que aos reclusos lles cheguen os novos fármacos para paliar a Hepatite C, mentras non existe unha distribución financeira entre as CC.AA. E pídelle que atenda canto antes aos internos que están coinfectados co virus VIH e lles subministre os novos fármacos da Hepatite C.

Explica a parlamentar nacionalista que os Orzamentos para o 2016 contemplan unha partida de 20 millóns, incluida no montante destinado a políticas penitenciarias para a adquisición dos novos fármacos. Máis “hai que preguntarlle que pasa até chegar ao 2016? Quen paga estos tratamentos desde hai meses? Unhas CC.AA asfixiadas que non recibiron un euro para tal fin nin o crédito prometido por parte da Administración central?”.

De feito, este descontrol ten a súa manifestación na Galiza, onde medidas cautelares ditadas polos Xulgados obrigaron á Xunta a custear os tratamentos duns reclusos en base ao argumento razoábel de que debe primar a defensa do dereito á saúde por riba de criterios economicistas.

A deputada do BNG demanda a aprobación dunha partida económica urxente a repartir canto antes entre as CC.AA.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG