O BNG denuncia o traslado de roupa hospitalaria do Meixoeiro ao Álvaro Cunqueiro en coches privados

A deputada do BNG, Montse Prado amosou diversas fotos do traslado da roupa hospitalaria e denunciou que no novo hospital de Vigo “manda a concesionaria, non manda nin o xerente, nin o SERGAS”

Montse Prado amosa as fotos do traslado de roupa hospitalaria

A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha proposición non de lei na Comisión de sanidade, sobre deficiencias detectadas no novo hospital de Vigo entre as que destacou o traslado da lencería do Meixoeiro ao HAC en automóbiles privados e a cancelación de operacións cirúrxicas por falta de material esterilizado.

Bolsas de roupa en coches privados dende o Meixoeiro ao Álvaro Cunqueiro

A deputada amosou diversas fotografías nas que se apreciaban as bolsas de roupa dentro de coches privados para o seu traslado dende o Hospital Xeral ao Hospital Álvaro Cunqueiro.Estas imaxes, dixo, demostran que o traslado da lencería faise en coches particulares e a pesar das denuncias, o xerente segue mantendo que “non pasa nada”. A deputada tamén aludiu as imaxes de portas de quirófanos deterioradas, goteiras nas instalacións, así como deficiencias nos servizos de urxencias. Ademais, engadiu que se cancelan intervencións cirúrxicas por falta de material esterilizado e non é “un problema puntual”, recalcou.

No Hospital de Vigo manda a Concesionaria, non manda o xerente nin o SERGAS

A parlamentaria explicou que a concesionaria é a que di “o que se pode ou non se pode facer” porque esta empresa é a que manda no centro. “O xerente e o SERGAS non escoitan aos profesionais e segue mantendo que os problemas son menores”. O autentico dono do hospital, afirmou a nacionalista é “a concesionaria” e neste momento existen dúas xerencias, a do SERGAS que determina a parte asistencial e “ a xerencia do xefe de explotación da empresas concesionaria”.2 (2)

A parlamentaria lembrou que ante os problemas do hospital está convocada unha folga para o vindeiro martes, “folga que apoia o BNG ante a falta de resposta da consellería ás demandas formuladas polos traballadores”.

Tras varios meses dun problemático traslado, seguimos atopando deficiencias que o PP non quere ver. Neste momento,dixo, a lista de irregularidades detectadas “segue aumentando” mentres os responsables do Sergas “miran para outro lado”.

A deputada acusou á consellería de sanidade de permitir que a empresa concesionaria “faga caixa á conta da nosa saúde” polo que pediu o voto favorable á iniciativa nacionalista destinada a atender as reivindicacións dos profesionais.

O PP exalta o funcionamento do hospital de Vigo

Pola súa parte, o portavoz popular, Miguel Santalices defendeu a xestión do novo hospital de Vigo e lembrou que “funciona” a diario sen grandes problemas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG