Rosana Pérez:"No sinistro do Alvia fican pendentes as responsabilidades políticas"

ROSANA DESPACHO 001Após de coñecer a noticia sobre o auto do xuiz do caso Alvia que mantén como único imputado por homicidio imprudente ao maquinista do tren, a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, afirmou que “aínda están pendentes de depurar as responsabilidades políticas, que as houbo”.

Rosana Pérez sinalou en relación ao auto do xuiz que “estas son as responsabilidades penais, pero e as responsabilidades políticas?”, preguntouse. “Unha vez que coñecemos a cadea de feitos que levaron a que se producira un dos piores sinistros ferroviarios sucedidos no estado español, sempre defendemos a necesidade dunha Comisión de Investigación no Congreso para depurar as responsabilidades políticas que houber”.

O BNG seguirá reclamando a Comisión de Investigación

Máis, lembrou Rosana Pérez, “tanto PP como PSOE negáronse sempre o cal debe levar á reflexión. Se tan seguros estaban da falla de responsabilidades políticas, por que negarse tan insistentemente ás diversas solicitudes de creación de Comisión de Investigación plantexadas polo BNG? Por qué pecharse a un exercicio de transparencia?

Será que non están tan certos?”.

Rosana Pérez considera “un despropósito e unha inxustiza trasladar toda a culpabilidade do accidente ao maquinista que conducía un Alvia sen ERTMS, o dispositivo de seguridade máis avanzado, nunha curva perigosa na que en poucos metros había que pasar dunha elevada velocidade a frear a 80. Houbo fallos na seguranza e mostra delo foron as medidas de reforzo que a posteriori tivo que adoptar Fomento”.

A deputada do BNG afirma que “é evidente a xogada de bloqueo que tanto PP como PSOE fixeron na Cámara galega e no Congreso para impedir a Comisión de Investigación”, son as dúas forzas políticas que tiveron responsabilidades na posta en marcha do Alvia. “Para nós segue a ser unha asignatura pendente da que non renunciaremos na vindeira lexislatura”. Nese sentido, lembra que no Parlamento das Corts Valencianas acaba de aprobarse a Comisión de Investigación sobre o metro sete anos após do tráxico accidente. “O BNG non esquecerá o sinistro do Alvia do 24 de xullo de 2013, e continuará pedindo a Comisión de Investigación. É algo que lle debemos ás vítimas e ás súa familias”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG