O BNG pide modificar a lei para regular os dereitos fiscais das persoas retornadas

Tereixa Paz volveu a pedir un trato fiscal igual ao resto dos pensionistas e a devolución do cobrado ilexitimamente até agora cos xuros correspondentes

Intervención de Tereixa Paz

 A parlamentaria reclamou, a través dunha Proposición non de lei, que a Xunta asuma de maneira clara e contundente a defensa dos intereses dos emigrantes retornados polo que pediu modificar a lei e regular as obrigas e dereitos de todos e todas as emigrantes retornados, atendendo ás diferentes casuísticas establecendo a súa vixencia a partir da súa aprobación coa conseguinte devolución do cobrado ilexitimamente.

A deputada lembrou que a única modificación foi o chamado “período de regularización” que na práctica, dixo, implica a devolución das inxustas sancións, recargas e xuros impostos nos últimos exercicios e un período voluntario de tributación para as persoas que aínda non teñan realizado a declaración máis esta regulación, engadiu, non ten en conta o contido dos distintos tratados bilaterais nin establece mecanismos para un tratamento xusto das pensións de invalidez.

Tereixa Paz agradeceu o apoio dos grupos de AGE e Socialista á proposta do BNG e reiterou que o colectivo de persoas emigrantes retornadas non contan con recursos administrativos nin coñecemento necesario do funcionamento da administración española diferente ás dos países nos que traballaron. A deputada aceptou a emenda do PP como engádega ao texto do BNG pero rectificou á portavoz popular, Herminia Pouso Maneiro que asimilou a modificación que reclama o BNG coa consideración da Axencia Tributaria de que todas estas persoas teñen obriga de declarar e se ofrece un prazo para facelo,sen embargo, recalcou a nacionalista, non se contemplan os diferentes casos daquelas persoas que non tiñan esa obriga.

Os acordos, engadiu, nunca son suficientes cando non resolven os problemas dos e das cidadáns, “son pasos adiante” como a primeira resolución do ano 2013 e a partir de aí, os acordos non foron suficientes nin a súa execución e como mostra temos diariamente a centos de persoas mobilizándose para reclamar un trato fiscal xusto.

A Seguridade social e Facenda non recoñecen as invalideces

“Hai persoas as que se lles rouban os cartos”, afirmou Tereixa Paz que puxo como exemplo a dun pensionista de Boiro de 48 anos afectado dun tumor cerebral que cobra unha pensión de Suíza e foi obrigado a pagar 35.000 euros porque a Seguridade social e Facenda non recoñecen a invalidez absoluta , “xogan con el como con unha pelota” polo que pediu a devolución inmediata, con xuros incluídos, das cantidades cobradas e “sancións para os responsábeis políticos e administrativos de decisións deste tipo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG