Vence en Conxemar aposta por ter grupo propio no Congreso para defender sectores estratéxicos de GZ

Delegación do BNG nun encontro coa directiva de Conxemar

O BNG parabeniza aos organizadores de Conxemar por ter convertido esta feira nun cita imprescindible para o sector pesqueiro, conserveiro e de maquinaria relacionada con esta actividade produtiva, “que sitúa Vigo nun referente mundial para o sector da conserva de produtos derivados do mar, cunha iniciativa que debe ser apoiada de xeito decidido polas administracións públicas”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, na visita ao IFEVI.

Delegación do BNG nun encontro coa directiva de Conxemar

“É unha forma de colocar o noso sector pesqueiro no mundo, de xerar actividade económica e emprego e, por iso, merece todo o apoio. Cando hai boas iniciativas no país, teñen éxito a nivel mundial e, polo tanto, para o Bloque é un exemplo do que se debe facer”, salientou o dirixente nacionalista.

Cas eleccións xerais moi próximas, Vence fixo referencia á importancia de “contar cunha voz que defenda os intereses dos nosos sectores produtivos tanto en Madrid como en Bruxelas”, capaces de garantir “políticas que velen polos nosos sectores estratéxicos, como a pesca e a conserva”.

Neste sentido, o portavoz do BNG asegurou que “a defensa da nosa capacidade produtiva e pesqueira pasa porque teñamos unha representación política potente no Congreso na vindeira lexislatura”. Igualmente, Vence avanzou que as propostas transmitidas polo sector en Conxemar serán parte do programa a defender en Madrid nos próximos catro anos, “onde Galiza debe ter voz propia para defender os sectores económicos estratéxicos para o país”.

Vence encabezou a delegación nacionalista que mantivo un encontro coa dirección de Conxemar que preside José Luís Freire, e no que estivo acompañado pola deputada Olaia Fernández Davila, a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, o portavoz parlamentario de Pesca, Daniel Rodas, e responsables do BNG local, como Serafín Otero e Manuel Caride.

“É moi importante que este evento, así como o foro da FAO que se celebra esta mesma semana, permita expoñer as necesidades do sector pesqueiro galego, maltratado pola regulación e a distribución de cotas de pesca a nivel europeo”, concluíu Vence.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG