Rosana Pérez exixe a Ana Pastor que respecte o acordo unánime do Parlamento galego sobre a AP-9

PLENO 3A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que pregunta a Ana Pastor se vai respectar o acordo unánime acadado no Parlamento galego para que se transfira a AP-9 a Galiza.

A deputada do BNG alude á proposición de lei do BNG aprobada no Parlamento galego o pasado 29 de setembro e que se trasladará ao Congreso para o seu debate e votación. “Demandamos ao Ministerio de Fomento até a saciedade unha autoestrada libre de peaxes, programas de descontos como os que hai noutras autoestradas do estado, o seu traspaso ao Goberno galego por ser unha vía que vertebra Galiza de norte a sur, denunciamos a pésima xestión de Audasa, deixando a centos de galegos e galegas atrapados en colas quilométricas diante das cabinas de pago”.

Máis, critica Rosana Pérez, “nada disto foi obxecto de atención seria por parte de Fomento, que se negou a traspasar a AP-9 tal e como lle pediu o BNG nunha proposición de lei que levamos ao Pleno do Congreso o pasado 26 de maio”. Lembra que o PP e o PSOE votaron en contra dunha iniciativa que, pola contra, recibiu os votos favorábeis do bipartidismo na Cámara galega o outro día.

“Veremos o acostumado exercicio de doble xogo, no que o PP vota unha cousa na Galiza e outra nas Cortes do estado?”

“Un exercicio que acostumamos ver nas forzas estatais que deben a súa obediencia ás sedes centrais dos seus partidos en Madrid”, sinala a parlamentar do BNG. Veremos, advirte, que farán PP e PSOE cando a proposición de lei do Parlamento galego chegue ás Cortes do Estado. “Haberá que ver se máis unha vez incorren na acostumada incoherencia de votar unha cousa na Galiza e outra distinta no Congreso”.

A deputada do BNG traslada a Ana Pastor os últimos pronunciamentos de Feijoo a favor da transferencia da AP-9, que soen “quedarse en palabras porque cando un mandatario ten un claro interese en pór ao servizo dos galegos e das galegas unha autoestrada fundamental, o normal sería que o reivindicase ao Goberno central”. Rosana Pérez salienta este doble xogo posto que nos anos de lexislatura de Feijoo nunca fixo unha solicitude en serio.

“É o BNG quen desde a oposición tivo que exercer a responsabilidade de reivindicar esta infraestrutura para Galiza”.

Dirixe unha batería de preguntas á Ministra de Fomento para saber que dispór ten a estudar o traspaso da AP-9, após de aprobarse unha proposición de lei por unanimidade no Parlamento galego. Pídelle que se poña fin a unha longa e abusiva concesión.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG