O BNG trasladará as demandas da sociedade ao Debate de Política Xeral

Francisco Jorquera pronostica que o Debate de Política Xeral será “o derradeiro de Feijóo, como Presidente da Xunta”

Francisco Jorquera tras a Xunta de Portavoces

 O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu hoxe ante os medios de comunicación, tras a Xunta de Portavoces, para dar conta da orde do Debate de Política Xeral que se celebrará a vindeira semana no Parlamento galego.

Jorquera anunciou que as demandas da sociedade galega terán reflexo no Debate a través do BNG así como as propostas dos diferentes colectivos sociais e sectores produtivos.

Para o nacionalista, o debate deste ano representa o último da lexislatura e “o derradeiro de Feijóo como Presidente da Xunta de Galiza”. O BNG, explicou, tiña previsto enfrontarse o debate como unha moción de censura ao período Feijóo pero aforrounos o traballo porque a remodelación do goberno que ven de facer representa unha autocensura da súa política”, e para salvar “os restos do naufraxio” apartou a Quintana da xestión do Agro, a Mato de Traballo e políticas sociais e cesou á conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera.

O fiasco do novo hospital de Vigo

Jorquera asegurou que o “fiasco da sanidade pública non é o fiasco de Rocio Mosquera, é o do Sr.Feijóo”, fiasco que estendeu ás políticas agrarias, de traballo e de benestar social”.2

O deputado recalcou que en todo momento Núñez Feijóo respaldou á conselleira de sanidade e afirmou que unha das primeiras medidas que tomou o presidente ao chegar ao goberno foi entregar a construción e xestión dese hospital “a mans privadas”. A conselleira de sanidade, na súa opinión, non foi cesada por Feijóo, Rocio Mosquera foi cesada pola “mobilización social” de milleiros de persoas que ateigaron as rúas de Vigo e das que Feijóo dixo que eran “uns irresponsábeis”. A conselleira de Medio Rural, “cesárona os gandeiros”, polo tanto, non é críbel o xiro das políticas anunciadas polo Presidente da Xunta.O único que pretende é “salvarse da queima” cando en realidade “é unha rémora para o noso país”.

Jorquera tamén criticou que a fenda económica entre Galiza e o resto do Estado fose acentuándose, a crise económica galega viuse agravada por mor da nosa dependencia e o Goberno Feijóo “foi cómplice dese deseño” con políticas que sumiron o noso país nunha situación de “ruína social e nacional”, remarcou.

Jorquera anunciou que o BNG será moi crítico con estas políticas no debate previsto para os días 14-15 e 16 e porá “moito énfase” nas alternativas para abrir “un novo tempo en Galiza e no Estado”.

Francisco Joquera tras a Xunta de portavoces

O parlamentario acusou ao PP de condenar a “Galiza á irrelevancia política” nun momento no que os dereitos dos pobos estarán no centro do debate no Estado español polo que é preciso, afirmou, “outro goberno galego que exerza como tal e cun horizonte do que carece o goberno de Feijóo”.

Debate de Política xeral

O BNG solicitou na Xunta de Portavoces que a réplica do presidente sexa individualizada a cada grupo parlamentar co fin de posibilitar un debate máis “vivo” e cun maior contraste entre a posición da Xunta e as propostas de cada grupo parlamentar pero o Partido popular mostrou un criterio contrario á petición aínda que “é potestade do presidente da Xunta” elixir esta opción.

O BNG non quere propostas de resolución tipo “twitter”

Sobre as 40 propostas de resolución que presentarán os grupos, Jorquera solicitou tamén unha “clarificación” ao considerar que non deben ser presentadas como enunciados de Twitter no sentido de “o Parlamento insta á Xunta a procurar mellorar as políticas sanitarias”. Nós, dixo, consideramos que as propostas debe ter contido e no caso de ser aprobadas, ser avaliado o seu cumprimento posterior.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG