O BNG condena o novo caso de feminicidio en Vigo e pide unha resposta da sociedade e institucións

Diante dun novo asasinato machista só podemos responder radicalmente como sociedade esixindo o fin dos feminicidios e denunciando de forma clara e permanente todas as mostras de violencia que sofren as mulleres, que urxe visibilizar e condenar sen paliativos en todos os espazos.Protesta-violencia-machista-Eje-Feminista_EDIIMA20121022_0338_19

O BNG esixe que as institucións e poderes públicos responda á intolerábel vixencia deste gravísimo problema priorizando a creación e mantemento de medios para o combate da violencia machista e para o apoio das vítimas. Non abonda con condenas puntuais ou meras declaracións arredor das datas obrigadas do calendario como o vindeiro 25 de novembro. Todos os días deben ser xornadas contra a violencia machista e situar o fin dos feminicidios como unha prioridade absoluta nas actividade política. Cómpre incrementar os recursos materiais, que se activen protocolos rigorosos e que se garanta persoal para o seu seguemento. Para alén da resposta penal, é necesario avanzar no acompañamento efectivo ás mulleres e realizar un labor preventivo e educativo maior que contribúa á concienciación social fonda sobre a realidade da violencia machista.

Por todo isto, o BNG continuará a traballar desde todas as instancias das que fai parte para avanzar nas políticas que conduzan ao progresivo exterminio do feminicidio da nosa sociedade e avancen na consecución dunha sociedade realmente igualitaria. Por outra banda, a mobilización exemplar do feminismo é un piar fundamental para avanzarmos na visibilización da violencia machista e na presión en todos os espazos para conseguir medidas reais que poñan freo a esta situación. Por iso, o BNG chama a participar en todas as convocatorias e actos públicos que se convoquen para rexeitar este novo asasinato machista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG