Adán denuncia o despido dunha traballadora por ter participado nunha lista electoral do BNG

A parlamentaria lembrou que Maite Mouriño recibiu unha carta de despido despois das eleccións e tras 11 anos traballando en ESYCSA, empresa, dixo, “que se gaba de aplicar un Código ético contra todo tipo de discriminación”

 Pleno.- A parlamentaria preguntou ao Goberno sobre a “ vulneración dos dereitos e liberdades” dunha traballadora despedida por ter participado nunha lista electoral. Foi despedida, recalcou a nacionalista, “por cuestións ideolóxicas” a pesar de que a lexislación internacional e a propia Constitución lexitiman o dereito de toda persoa a participar libremente na vida política.

Carme Adán explicou que a traballadora, Maite Mouriño recibiu unha carta de despido, o 11 de Xuño logo das eleccións municipais, tras once anos de traballo nunha empresa (ESYCSA) de equipos de sinalización e control que pertence ao grupo ACS e que traballa para diferentes administracións públicas fundamentalmente no ámbito local. Unha empresa, engadiu que ten recoñecida a “responsabilidade social” e que se gaba de contar cun Código ético que rexeita calquera discriminación por idade, sexo, relixión, orientación sexual, nacionalidade ou discapacidade e que o seu propio presidente, Florentino Pérez afirma que traballan para mellorar os seus niveis de ética.

A empresa, dixo Adán enviou a carta de despido a traballadora por participar nunha candidatura do BNG en Pazos de Borbén e dende o BNG cualificamos o feito de “moi grave” porque vulnera os dereitos e liberdades das persoas e mesmo marca un precedente perigoso marcando “unha liña vermella” para a participación política.

Mato coincide coa deputada do BNG pero non se compromete a mediar no despido

Pola súa parte, a conselleira de Traballo Beatriz Mato coincidiu plenamente coa intervención da deputada nacionalista no relativo “á igualdade ante a lei” e contra todo tipo de discriminación pero a pesar de concordar coa deputada do BNG, amosou ás súas dúbidas sobre as razóns políticas do despido da traballadora. Esta, dixo, é unha cuestión que non corresponde dirimir á consellería e está en proceso xudicial, polo tanto, a consellería “non pode intervir”.

Carme Adán

Na réplica, Adán recriminou que a conselleira respondera cunha dúbida porque na súa opinión, é o mesmo que “sementar unha sospeita” e reiterou que todas as leis recollen a non vulneración dos dereitos dos traballador@s. A nacionalista remarcou que a devandita empresa mantén relacións coas administracións públicas, polo que pediu “un compromiso da consellería de Traballo e do Goberno” tendo en conta que a lei recolle claramente no artigo 19 e 30 a necesidade “dunha contratación responsábel onde non se vulneren os dereitos dos traballadores e traballadoras e no artigo 50 da Lei de calidade de Servizos Públicos tamén explicita a necesidade de promover condicións de conciliación familiar e de igualdade de xénero”, todas as leis recollen, a non vulneración dos dereitos dos traballadores e traballadoras a participar na vida pública, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG