O PP perde a última oportunidade para incluír a flota cefalopodeira no acordo con Mauritania

 O portavoz de pesca, Daniel Rodas defendeu  unha Proposición non de lei na Comisión de Pesca, instando ao Goberno de Feijóo a desenvolver as xestións oportunas para que se inclúa a flota cefalopodeira galega no Acordo Pesqueiro con Mauritania antes de que este sexa aprobado pola Comisión e o Parlamento europeo

Íntervención de Daniel Rodas na Comisión de Pesca

Daniel Rodas  reclamou  ao Parlamento e Grupo Popular desenvolver  accións diante do Goberno español e da Comisión europea para que a flota cefalopodeira non quede de novo fora do Acordo Pesqueiro con Mauritania.

Rodas, lembrou que esta iniciativa xa fora presentada en setembro de 2014, antes de que rematara o anterior Acordo, pois xa naquel momento  denunciabamos, dixo, "a situación dramática que estaban a vivir os 24 barcos que faenaban en Mauritania sen caladoiros alternativos". Daquela moderna flota que foran expulsados das augas mauritanas, hoxe xa foron despezados 10 unidades. E o resto proba sorte en augas dos diferentes acordos que a UE mantén con países africanos ou con licenzas privadas non encontrando un banco pesqueiro que lle ofreza certa continuidade e rendibilidade.

O novo Acordo foi renovado o pasado día 10 de xullo en condicións similares ao anterior pero que desta vez vai ter unha duración de catro anos onde se favorece principalmente a flota marisqueira e atuneira pero que non debería renovarse ao non incluír os cefalopodeiros.

O Partido Popular presentou unha emenda de substitución onde pedía que se avalíe a situación do caladoiro ao que  Rodas respondeu  que o problema non era do recurso, nin de estudos biolóxicos, se non" unicamente de vontade política". Estes xa se levaron a cabo e demostraron a boa situación do banco.

"Vontade política é o que se precisamos". O propio sector nunca encontrou a Feijóo preocupado polos seus problemas, nin de acompañante realizando xestións para conseguir algunha mellora. Nada estraño, ao modo en que o fai Narvay Quintero, conselleiro canario que se reuniu con representantes da Comisión europea demandando a inclusión neste Acordo da flota cefalopodeira, que se realicen as descargas nos portos da Luz e da Palma ou que se rebaixen a porcentaxe do 60% de tripulacións mauritanas.

O BNG censura a falta de medidas da ministra Tejerina, quen se comprometeu a incluír esta flota no novo Acordo cando acedeu ao cargo, pero sobre todo a desaparición de Feijóo e Rosa Quintana, ausentes en toda esta travesía”. Sen responsabilizarse nunca desta flota moderna, competitiva que xera moito emprego nas comarcas de Vigo, O Morrazo e Canarias.

Lamentamos esta nova escenificación de quen non se compromete politicamente para solucionar os problemas que está a padecer a flota cefalopodeira e deixando ao armadores a seguir buscándose a vida en Malvinas, Angola, etc a través de acordos privados. O Goberno galego segue a ignorar ao sector do mar e a única alternativa que lle dan é o despezamento para que se salve o armador mentres perde as tripulación e o conxunto do País.

Dende o BNG reclamamos poder seguir negociando antes de que o Acordo sexa ratificado pola Comisión europea e o Parlamento para incluír aos cefalopodeiros ou autorizalos como pesca demersal con By-catch. E tamén esixe estar atentos a reunión da Comisión Mixta que terá lugar en febreiro para ver si se pode atribuír posibilidades para aquelas especies que presenten excedentes.

Vontade política e xestión para manter os postos de traballo e a riqueza que atesoura o sector pesqueiro en Galiza.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG