O BNG propón un Plan de acollida de persoas refuxiadas en Galiza

Carme Adán pide á Consellería de Traballo e Benestar facilitar o proceso nas tarefas de acollemento as persoas e familias interesadas en colaborar cos realoxos

Carme Adán

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a instancias das deputadas María do Carme Adán Villamarín, Tereixa Paz Franco e Montse Prado Cores, rexistra unha Proposición non de lei instando á Consellaría de Traballo e Benestar a elaborar de inmediato un Plan de acollida de persoas refuxiadas dotado de orzamento, establecer cos concellos, que o demanden, unha liña de colaboración para o realoxo das persoas refuxiadas e facilitar o proceso a todas aquelas persoas e familias interesadas en colaborar nas tarefas de acollemento.

Na texto da iniciativa, as deputadas do BNG denuncian a situación que se está a vivir ás portas de Europa e no propio continente, cualificándoa de “crise humanitaria sen precedentes desde a II Guerra Mundial” e denuncian que a magnitude da traxedia non parece, no entanto, impedir unha actuación urxente da Unión Europea e da Comunidade internacional, como non sexa para levantar novos muros que deixen do lado de fóra a miseria e a dor provocada por eles mesmos.

Agora, fronte á vaga de persoas refuxiadas, explican as nacionalistas, levántanse novos muros. Hungría vén de fechar con rolos de arame farpado 175 quilómetros da súa fronteira con Serbia para impedir a entrada de refuxiados e migrantes. Pero non serán este tipo de medidas as que freen o problema.

Carme  Adán

Como exemplo máis evidente do desinterese da UE por resolver esta tráxica situación decide o 30 de agosto convocar unha reunión de urxencia do Consello de Ministros de Interior para o 14 de setembro. Entre tanto, millares de refuxiados e migrantes continúan a se agolpar en condicións penosas nas fronteiras e seguen morrendo no Mediterráneo. Unha vez máis, denuncian as deputadas do BNG , “o capitalismo non ten alma, ten carteira”.

Por todo iso e diante da denominada crise de refuxiados, que non é outra cousa que a expresión da terríbel inación dos gobernos europeos ante o sufrimento humano, o grupo parlamentario do BNG insta á Consellaría de Traballo e Benestar a elaborar de inmediato un Plan de acollida de persoas refuxiadas con dotación orzamentaria, establecer cos concellos, que o demanden, unha liña de colaboración para o realoxo das persoas refuxiadas e facilitar o proceso a todas aquelas persoas e familias interesadas en colaborar nas tarefas de acollemento.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG