Mosquera debe dimitir polo despropósito do novo hospital de Vigo, que debe ser 100% público

Manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública

O BNG denuncia que o “despropósito” da situación do novo Hospital de Vigo é a consecuencia das políticas de privatización do PP que converten a saúde “en negocio”, e pide a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e a comparecencia urxente do presidente Feijóo no Parlamento para dar explicacións deste novo exemplo “do seu desgoberno”.

Manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública

“Reclamamos dimisións porque hai responsabilidades por esta nefasta xestión e por este despropósito no que están convertendo a inauguración do hospital semi-privado de Vigo”, reclamou o portavoz nacional, Xavier Vence, a preguntas dos medios. “Feijóo debe dar contas no Parlamento e a conselleira de Sanidade debe dimitir como un xesto político pola desfeita a ollos de todo o mundo estes días no hospital de Vigo”, recalcou.

Para a formación nacionalista, é preciso reverter a política de privatización da sanidade pública que leva a cabo o PP. “Hai que revisar completamente a orientación da política sanitaria e hospitalaria do PP, frear o proceso de privatización dos servizos sanitarios e hospitalarios e recuperar para o público de xeito pleno e completo o novo hospital de Vigo”, reclamou Vence.

Neste sentido, o portavoz do Bloque lembra que se trata dunha área sanitaria que afecta a medio millón de persoas, e non se debe escatimar esforzos “para garantir a calidade de prestacións sanitarias que precisa tanto Vigo como o conxunto da comarca”.

Vence cualificou de “inaudito” que un centro hospitalario que debería ser un referente, porén reflexa unha situación máis propia de países subdesenvolvidos, cunha infraestrutura “que se está inaugurando e xa está caendo, que ten ratas no interior e con problemas de infeccións”, como denuncian desde o propio centro hospitalario.

Xunto as estas deficiencias, o propio deseño do novo hospital “pensado para que fagan negocio as empresas privadas”, onde os usuarios e usuarias se ven forzados a pagar tarifas “desorbitadas” polos aparcadoiros, ao tempo que se acumulan as queixas pola mala calidade da comida ou pola atención recibida.

O BNG participa na manifestación en defensa da sanidade pública convocada en Vigo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG