BNG exixe da UE mudar as políticas de blindaxe por outras de axuda e acollida ás persoas refuxiadas

Miles de persoas, vítimas da migración ou do exilio

Estamos a vivir, xusto ás portas de Europa e no próprio continente, unha crise humanitaria sen precedentes desde a II Guerra Mundial. A magnitude da traxedia non parece, no entanto, impelir unha actuación urxente da Unión Europea e da Comunidade internacional, como non sexa para levantar novos muros que deixen do lado de fóra a miseria e a dor provocada por eles propios.

Miles de persoas, vítimas da migración ou do exilio

Con efecto, a dimensión que está a alcanzar a actual crise de persoas refuxiadas e migrantes ten a súa orixe na rapina imperialista comandada polos Estados Unidos. Os EUA e os seus aliados europeos non dubidaron en levar a guerra, a morte, a destrución e a miseria a diversos países com tal de alcanzar os seus obxectivos xeoestratéxicos e espoliar os seus recursos naturais, particularmente o petróleo.

Primeiro foi o Afganistán, o Iraq, despois Libia. Agora é a Siria o albo do imperialismo. Os EUA, co inestimábel apoio de Israel e a colaboración de diversos estados europeos, organizaron, armaron e alentaron o terrorismo na Siria, incluído o chamado Estado Islámico, que agora sinalan como principal inimigo e utilizan como máis un pretexto para a súa politica intervencionista na zona. Cando non, como no caso da Turquía, como punta de lanza contra o movimento de liberación nacional do Curdistán.

As vítimas desta deshumana política imperialista son as poboacións civís destes Países. É o pobo de Iraq, de Afganistan, de Libia, de Siria, do Curdistán, tamén de Palestina. Non pode sorprender, por tanto, a vaga inmensa de refuxiados -fundamentalmente sirios- que escapan da guerra e de migrantes que foxen da miseria xerada igualmente pola rapina neocolonial no oriente Póximo e en África, coa inestimábel colaboración das elites locais.

Tamén non sorprende, infelizmente, a resposta da Europa capitalista. A grande preocupación desa Unión Europea ao servizo da oligarquia non é resolver o drama humano nin os problemas sociais, económicos ou políticos que están na súa xénese. A preocupación principal é blindarse para deixalos fóra. Utilízase o Mediterráneo como un grande foxo para defender o castelo europeo sen se preocupar, na realidade e para alén dos lamentos de rigor, cos millares de persoas mortas cada ano tentando cruzalo en condicións infrahumanas.

Agora, frente á vaga de persoas refuxiadas, levántanse novos muros. Hungría vén de fechar com rolos de arame farpado 175 quilómetros da súa fronteira com Serbia para impedir a entrada de refuxiados e migrantes. No entanto, non será esta tipo de medidas as que freen o problema.

Como exemplo máis evidente do desinterese da UE por resolver esta dramática situación está o facto de, após máis de unha semana de crise humanitária, decidir a 30 de agosto convocar unha reunión de urxencia do Consello de Ministros de Interior para... o 14 de setembro. Entre tanto, millares de refuxiados e migrantes continúan a se amorear en condicións penosas nas fronteiras ou achan a morte no Mediterráneo. Máis unha vez fica claro, o capitalismo non ten alma, ten apenas carteira.

No entanto, este drama que parece deixar indiferentes os gobernos europeos, atinxe directamente a conciencia dos pobos. O nacionalismo galego, desde a súa consubstancial praxe internacionalista, sente como próprio o drama humano, social e político que representa esta crise e por iso non podemos nin queremos ficar indiferentes nin pasivos. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) exixe da Unión Europea mudar de forma radical e urxente as políticas de blindaxe por outras de axuda e acollida digna ás persoas refuxiadas e migrantes.

Aliás, o BNG quer denunciar abertamente as políticas imperialistas e de intervención militar que están detrás desta situación e defende:

  • Pór fin á intervención occidental na Siria en apoio dos chamados rebeldes e promover activamente o fin do conflito militar.

  • Retirada de todas as forzas militares norteamericanas e estranxeiras dos países de Oriente próximo e norte de África.
  • Respecto á soberanía dos pobos e de resolución política dos conflitos.

  • Unha política de paz, solidariedade e cooperación entre todos os povos

  • O dereito do povo Curdo á liberdade e á soberanía e o respecto dese dereito por parte de todos os Estados actualmente ocupantes do Curdistán.
  • O dereito do Pobo palestino á paz e á liberdade no seu próprio Estado independente.

  • A solidariedade internacionalista e a acción antiimperialista en toda a Europa e en todo o mundo.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2015

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG