BNG e Marea Galega analisan propostas para unha candidatura galega unitaria

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2015.- Unha representación da Executiva do Bloque Nacionalista Galego reuníuse en Santiago de Compostela cunha delegación da coordinadora da iniciativa Encontro Cidadán por unha Marea Galega. A reunión concertouse para intercambiar propostas e análises de cara á conformación dunha candidatura galega unitaria para as vindeiras eleccións xerais.

O Bloque Nacionalista Galego trasladoulle aos representantes da iniciativa a súa vontade de contruibuír á conformación dunha candidatura nacional galega que tivese como eixes centrais a necesidade dunha representación soberana de Galiza e a defensa dos intereses das clases populares, nun contexto político no que o debate sobre a soberanía e o recoñecemento das nacións vai dominar a axenda política do estado e no que Galiza ten que estar presente con voz propia. Ambos principios requiren a constitución dunha candidatura galega, sen ataduras nin subordinacións, que permita a constitución dun grupo parlamentario propio.

No que respecta ao método de conformación da candidatura, tanto a iniciativa Encontro Cidadán por unha Marea Galega como o Bloque Nacionalista Galego comparten a idea de que o procedemento debe ser aberto e inclusivo, articulando os medios para que a elaboración do programa e a confección das candidaturas permita incorporar persoas a título individual, movementos sociais e forzas políticas.

No remate da reunión, ambas representacións parabenizáronse pola cordialidade do encontro e acordaron manter abertas as canles de comunicación. Os órganos de decisión do Bloque Nacionalista Galego debaterán a posibilidade de que unha representación da fronte acuda ao encontro aberto que a iniciativa Encontro Cidadán por unha Marea Galega está a propor para o vindeiro 12 de setembro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG