Davila dílle a Montoro que "son os Orzamentos do engano para GZ" e pide un Plan urxente para o lácte

bng26G5015bng26G5001A portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna esta mañá para defender a emenda á totalidade do BNG ao proxecto de Orzamentos do Estado 2016 debido a que auguran novos recurtes e porque non cumpren con Galiza.

O investimento en Galiza baixa

Davila cuestionou a propaganda do Goberno en relación a Galiza, que especialmente practicou a Ministra de Fomento ao longo de todo o verán. “Señor Montoro, hai orzamento para o noso territorio cando a realidade é que en termos absolutos redúcese o investimento en 1,7%, 95 millóns de euros menos en comparanza co ano anterior”.

Non cumpren con Galiza

Advertiu ademáis que “parte do Orzamento de 2015 non se vai executar” e puxo de exemplo as obras do AVE a Galiza, coas obras paradas durante meses na entrada a Ourense.

Non dan solucións ao sector lácteo

Unha das cuestión que máis resaltou a deputada do BNG foi a crise do sector lácteo: “Vostedes reducen en 19 millóns de euros o investimento do Ministerio de Agricultura nun momento no que “a gravidade do sector lácteo na Galiza é tan grande e cando a maioría das explotacións gandeiras están en situación de ruina por culpa dos baixos prezos do leite. Máis, vostedes optan por reducir o investimento cando o normal sería que se incrementase en aras a paliar cun Plan de Choque esta lamentable situación do sector”.

Davila lembrou as numerosas movilizacións dos gandeiros e gandeiras de Galiza para denunciar a súa crítica situación. “Hoxe mesmo seguen as movilizacións que levan realizando desde hai máis de tres meses os gandeiros e gandeiras con tractoradas”. “Señor Montoro, o sector lácteo galego está en pé porque este Goberno non sabe darlle solucións e está consentindo a súa ruina”.

Orzamentos de engano para Galiza: non se executan

A portavoz do BNG criticou o comportamento do Goberno en relación ao territorio galego respeito aos Orzamentos. “O comportamento con Galiza en relación aos Orzamentos segue a ser de engano. Volta a haber partidas orzamentarias como as das infraestruturas viarias da A-59, a A-57 ou a A-8. Algúns tramos do AVE que aparecen nos orzamentos nos catro anos desta lexislatura e a día de hoxe non se executaron. O Goberno non cumpre os Orzamentos para Galiza”.

“Nunca houbo tanta crispación social e política: esa é a súa estabilidade”

Davila criticou a Montoro por falar da estabilidade política deste Goberno fundamentándoa na maioría absoluta. “Fíxese se teñen estes Orzamentos carácter eleitoral que onte cando rematou o seu discurso facendo valar a maioría do PP exhibindo estabilidade política, esqueceu que nunca houbo tanta crispación e inestabilidade social como nesta lexislatura”.

Afirmou que “co PP a xente viuse obrigada a estar nas rúas debido aos desafiuzamentos, polas preferentes, os emigrantes retornados, polo desmantelamento da sanidade e da educación pública, o paro..Nunca houbo tanta inestabilidade política e social como con vostedes”. Ademáis lembrou o alto nivel de corrupción presente nas filas do PP: “Vostede apelaba á estabilidade política da maioría dun partido que conta nas súas filas con tal nivel de corrupción que provoca bochorno e que fai que o estado español sexa unha república bananeira”.

“A iso chámalle vostede estabilidade política?”, preguntou a Montoro. Acusou ao Goberno de facer campaña eleitoral cuns Orzamentos que “non ten sentido que os presente neste momento”.

Uns Orzamentos que suporán máis recurtes e axustes

A portavoz do BNG tamén fixo unha análise máis global dos Orzamentos e das consecuencias das políticas do PP obsesionadas co défice e coas políticas de consolidación fiscal. Cuestionou ao Goberno por presentar uns Orzamentos a final de lexislatura, salientando o “carácter antidemocrático dos Orzamentos, onde un Goberno case en funcións vai deixar aprobado o orzamento de 2016 sen ter lexitimidade para xestionalo, o que xa xustifica o noso rexeitamento”.

Censurou o proxecto de Orzamentos por “insistir nunha política manifestamente fracasada”. Nese sentido, aludiu ás altas taxas de paro do 23%, cun 51% de desemprego entre a mocidade. Advertiu de que se trata de Orzamentos que conlevarán máis recurtes e axustes. Lembrou que 1 de cada 5 euros do orzamento total se destina a sufragar os custes da débeda. Demandou un sistema fiscal progresivo “recadando máis de quen máis ten”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG