A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda denuncia a ausencia dunha política preventiva de incendios da Xunta e do Estado e reclama protección da Rede Natura para condicionar os fondos europeos a unha política de prevención realista.
A Portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda presentou, a través da coalición Os Pobos Deciden unha iniciativa urxente dirixida á Comisión Europea para alertar da gravísisima situación que vive Galiza coa vaga incendiaria dos últimos días e reclama da Comisión Europea esixir maior protección á Xunta e ao Estado dos espazos da Rede Natura 2000.
O BNG transmitiu ao Executivo comunitario novamente a traxedia que afecta a Galiza, e que os incendios rexistrados estes días está a ter consecuencias catastróficas que afectan gravemente á disposición dos recursos forestais e naturais, e dada a recorrencia coa que suceden, explica Ana Miranda, son causa dun severo dano crónico nas condicións ecolóxicas e de biodiversidade.
Os gobernos da Xunta, español e europeo fracasan nas políticas contra os incendios
Na iniciativa parlamentar, a nacionalista denuncia que son poucos os territorios de Europa que sofren tal repetición de lumes, circunstancia que evidencia, ao seu entender, o fracaso absoluto do deseño e aplicación das medidas de xestión despregadas polos Gobernos galego, español e europeo.
Galiza ten un tipo de condicións climáticas e fitoxeográficas que xeran en ciclos moi curtos grandes cantidades de biomasa, polo que constitúe dentro do continente europeo unha das nacións de maior risco por incendio, fenómeno que ademais vese agudizado cos efectos da mudanza climática.
Os Gobernos galego e español, no canto de situar o foco de atención en accións que tenten reducir o risco mediante accións preventivas programadas a curto, medio e longo prazo, afánanse en adicar o continxente de recursos a custosas medidas de extinción, así como desviar a atención en desviar a atención sobre o feito de que Galiza, dentro de Europa, conta cunha maior presenza de pirómanos e supostas tramas incendiarias.
A Rede Natura gravemente afectada polos incendios
Ana Miranda denuncia o fracaso do modelo de prevención de loita contra o lume, que se agrava aínda máis nos espazos protexidos da Rede Natura 2000, xa que estas áreas europeas aparentemente protexidas polo seu alto valor ecolóxico, e que a priori contarían con plans e programas específicos para garantir maiores cautelas de protección, padecen importantes lumes que son catastróficos no territorio galego.
O BNG transmite nesta iniciativa europea que no que vai do 2015 arderon en Galiza 1.885.92 hectáreas de Rede Natura 2000 repartidos en 9 Zonas de Especial Protección (ZEC) (segundo os datos oficiais que poden ser incluso o dobre segundo fontes de organizacións ecoloxistas). Tan só neste presente mes de agosto, explica a portavoz do BNG en Bruxelas, queimáronse 1.650 hectáreas. Os ZEC afectados son: Os de Pena Trevinca, Pena Maseira, Ancares-Courel, Baixa Limia, Macizo Central, Serra do Careón, Sobreirais do Arnego, Sistema Fluvial Ulla-Deza. De especial preocupación é o que acontece na Baixa Limia que acumula ata 4 lumes no que vai de ano, ou os enormes lumes nos Ancares e no Courel, cuns danos graves sobre Hábitats Prioritarios e para especies ameazadas coma o oso, o lobo ou a aguia real.
A nacionalista reclama á Comisión Europea instar aos Gobernos galego e do Estado revisar o modelo de planificación e xestión dos incendios en Galiza e que condicione os fondos europeos da Rede Natura 2000 a unha efectiva, urxente e realista protección desta rede europea. Ana Miranda lémbralle á Comisión que a información que está transmitindo a Xunta nestes días de incendios gravísimos non é a axeitada.
Para a deputada, a Xunta ademais de aplicar unha política fracasada, evita asumir responsabilidades e centra toda a atención na consideración de que en Galiza existe un número inusual de pirómanos e tramas incendiarias.