BNG e PG xulgan imprescindíbel a conformación dunha candidatura galega para lograr un grupo propio

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2015.- Delegacións do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Galeguista, encabezadas por Xavier Vence e Manuel Suárez, mantiveron unha reunión na que puxeron en común a visión de ambas as dúas formacións de cara á conformación dunha candidatura unitaria galega para as próximas eleccións xerais.

O PG e o BNG coinciden na necesidade de avanzar no proceso de conformación dunha candidatura de unidade que asegure a representación de Galiza no Congreso dos Deputados cun grupo propio. Este obxectivo considérase fundamental na perspectiva dunha lexislatura na que é posíbel que se abra o debate sobre mudanzas políticas na estrutura do Estado e no que Galiza debe contar cunha representación que fale con voz propia e defenda os intereses do noso País. As dúas forzas confirman o seu compromiso firme e definitivo na construción desta oferta política porque a trascendencia política e socioeconómica do momento non deixa lugar á especulación.

A constitución desta candidatura debe incluír un amplo abano de forzas políticas e sociais, así como de persoas que compartan a convición de que é imprescindíbel a unidade detrás de obxetivos políticos básicos, desde a diversidade de ideoloxías e sensibilidades, máis partillando a necesidade de que unha transformación democrática no Estado garanta o recoñecemento dos dereitos nacionais de Galiza.

Ambas as formacións concordan na necesidade de que o proceso de conformación desta candidatura se realice sobre un amplo proceso social de carácter participativo, que, ademais de asegurar a inclusión de forzas políticas, preste especial atención á presenza doutros colectivos da sociedade civil e de persoas a título individual.

As dúas organizacións seguirán dialogando no marco dun proceso de debate con outros axentes políticos e sociais comprometidos no obxectivo de conformar unha candidatura galega unitaria e aberta de cara ás próximas eleccións xerais.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG