BNG e CxG coinciden na necesidade dunha candidatura de país, galega, ampla e plural

Comunicado conxunto de BNG e CxG

Santiago de Compostela, 3 de agosto 2015.- No día de hoxe reuníronse en Compostela delegacións do Bloque Nacionalista Galego e de Compromiso por Galicia nun primeiro contacto formal co obxectivo de pór en común as posicións de cada organización en relación coas próximas eleccións xerais.

CxG e BNG constatan que ambas as dúas forzas coinciden na necesidade dunha candidatura galega, ampla, plural, con importante protagonismo da cidadanía para garantir unha representación potente de Galiza como nación nas cortes do Estado.

BNG e CxG entenden que, precisamente nun momento en que é posíbel que se abra o debate sobre mudanzas políticas na estrutura do Estado, é necesario que Galiza conte cun Grupo Parlamentar galego, sen dependencias externas, para falar con voz propia e para defender os intereses do noso País.

As dúas forzas concordan tamén na necesidade de que a Candidatura galega sexa contruída aquí, sobre a base dun amplo proceso social inclusivo e participativo que, para alén das forzas políticas, sexa capaz de integrar a multiplicidade de persoas e colectivos que están por unha profunda mudanza política democrática que supoña o recoñecemento dos dereitos nacionais de Galiza.

En todo o caso, CxG e BNG, conscientes de que se está aínda no inicio dun proceso de debate en que participan diversos actores políticos e, por tanto, inevitablemente complexo, acordan manter abertas de forma permanente as canles de comunicación para continuar o diálogo e procurar os elementos en común que faciliten chegar ao obxectivo dunha candidatura de País nas próximas xerais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG