BNG culpa a Feijóo de promover unha moción de censura fraudulenta en Boimorto

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2015.- O BNG responsabiliza directamente a Feijóo, como presidente do PPdeG, de auspiciar e dar luz verde á moción de censura contra o alcalde nacionalista de Boimorto, Xosé Luís Rivas Mini, promovendo unha fraude de lei ao fomentar o transfuguismo para obter unha maioría que lle negou a veciñanza nas eleccións municipais do 24 de maio.

Os resultados dos comicios locais deron dous concelleiros ao Bloque, catro ao PSdeG-PSOE e cinco ao PP, o que permitiu un pacto de goberno para dar a Boimorto unha alternativa de progreso encabezada polo actual rexedor nacionalista, que pode verse truncada nos próximos días se prospera a moción de censura presentada polos concelleiros populares co apoio dun concelleiro tránsfuga socialista inscrito no Grupo de non Adscritos.

O Bloque denuncia que se trata dunha manobra política que se empezou a fraguar ao día seguinte da elección de alcalde, polo que a formación nacionalista avaliará todas as posibilidades legais, e lembra que a propia Secretaría do Concello de Boimorto ten solicitado unha consulta á Xunta Electoral Central para que ditamine sobre a legalidade desta moción, que o BNG considera vulnera a normativa vixente en materia de transfuguismo.

En todo caso, amosa o seu total apoio ao rexedor nacionalista, Xosé Manuel Rivas, Mini, que en apenas dous meses converteuse nun referente entre os concellos do medio rural na defensa do sector leiteiro, crucial na economía de Boimorto, e cuxa actuación política tanto na oposición como no goberno se ten caracterizado pola defensa dos servizos públicos municipais, nos antípodas da estratexia privatizadora do PP.

Neste sentido, o BNG subliña que o Concello de Boimorto conta cun orzamento de 2,4 millóns de euros anuais para sufragar servizos como o centro de día, residencia de maiores, biblioteca, escola infantil, transporte interparroquial gratuíto e advirte que a privatización destes servizos pode ser a razón de fondo da moción de censura que promove o PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG