A Xunta ten que implicarse para esclarecer o asasinato machista que acabou coa vida de dúas nenas

O BNG demanda da Xunta que actúe para esclarecer as circunstancias do último crime machista en Galiza co asasinato de dúas nenas de 4 e 9 anos, presuntamente a mans do seu propio pai que, segundo a información que ten transcendido, tería actuado movido pola vinganza cara a nai das menores da que estaba separado.faixa-BNG-mani-25N11

Ao tratarse dun crime de violencia de xénero con menores como vítimas e pola conmoción xerada no Concello de Moraña e na opinión pública, o Bloque pide ao goberno galego que interveña a través dos departamentos implicados para investigar os feitos, comprobar que se existía algún tipo de antecedentes ou denuncia, e se estaba garantida a seguridade das vítimas.

O BNG traslada o seu fondo pesar polo execrable crime de Moraña á familia das nenas asasinadas, e insta ao conxunto da sociedade a mostrar a súa repulsa e condena inequívocas do terrorismo de xénero que atenta contra os dereitos máis elementais das mulleres, e pide a Xunta que actúe con decisión máis aló das condenas rituais que nada aportan para erradicar a lacra da violencia machista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG