A discrimación lingüística dunha nena de dez anos nun campamento de verán non pode quedar impune

O BNG demanda que a Xunta investigue a discriminación lingüística que tivo que soportar unha nena de dez ano nun campamento de verán organizado polo centro hípico Casas Novas de Arteixo, que rematou coa saída da menor a petición propia tras confesarlle a nai sentirse “humillada e desprezada” por falar en galego.FOTO NENAS QUEREMOS GALEGO

A nena tivo que soportar, segundo relatou, como monitoras do campamento a recriminaron por usar a lingua galega dicíndolle que se explicaba “mal”, para a continuación instala a falar castelán: “Aquí todos hablamos castellano y tú tienes que hablar el castellano”. Con todo, máis aló da actitude inaceptable da monitora, aínda é máis inadmisible a resposta dos encargados do centro tras a denuncia da nai.

“No le des importancia”, “tienes que entender que aquí no todos hablan gallego” ou “será porque no la entienden”, foi todo o que obtivo por resposta á súa demanda para por fin a discriminación da menor.

O BNG, a través da deputada Ana Pontón, presentou unha iniciativa na Cámara instando á Xunta a censurar esta discriminación, reclamando que actúe para evitar que este tipo de actitudes “que violentan dereitos humanos fundamentais fiquen impunes”. Ademais, o Bloque solicita que a Administración galega poña os medios necesarios para realizar denuncias de discriminación lingüística, facilitando apoio xurídico gratuíto as persoas que queiran denunciar.

A iniciativa, en forma de proposición de lei, será debatida en pleno para sometela a consideración de todos os grupos da Cámara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG