Declaración internacionalista en favor da paz e a democracia en Kurdistán e en Turquía

Esta declaración está asinada por Bloque Nacionalista Galego, EH Bildu, Candidatura d'Unitat Popular e Puyalón de Cuchas

 

kurdoO pasado luns, o Estado Islámico asasinaba en Suruç (Kurdistán turco) a 32 mozos antifascistas turcos que se dirixían a Kobanê a traballar na súa reconstrución. O masacre supuña un ataque físico á solidariedade internacionalista e un ataque simbólico ao proxecto de construción da alternativa social, económica e política revolucionaria que se fragua en Rojava (Kurdistán sirio).

O Estado turco, que até agora tolerara e mesmo facilitara a presenza do Estado Islámico na súa fronteira, lanzou entón a que era a súa primeira intervención militar no conflito sirio, aproveitando a situación para atacar a resistencia kurda, a través de bombardeos nas montañas de Kandil (Kurdistán de Iraq) e da detención de centenares de activistas e sindicalistas nas principais cidades do Kurdistán turco.

Tras o xiro na estratexia turca, o proceso de negociacións de paz que mantiñan desde o 2010 o goberno e o movemento de liberación nacional e social kurdo quedaba definitivamente roto e as esperanzas de paz, enterradas.

Turquía retomaba a súa estratexia represiva, equiparando publicamente, de forma perversa, ao fascismo fundamentalista e ultraconservador do Estado Islámico coa loita popular e autoorganizada das kurdas e kurdos que combaten en nome da vida, a interculturalidade, o antifascismo, a democracia radical e a liberación das mulleres. As nosas compañeiras e compañeiros foron chamados terroristas, logo de ser obxecto dun masacre da que o propio Estado turco foi cómplice, permitindo que grupos afíns ao Estado Islámico se reproduzan e campen libremente dentro do seu territorio.

Coa súa actitude profundamente autoritaria, propia dos Estados opresores que, desafortunadamente coñecemos ben as organizacións nacionalistas e independentistas do Estado español, o goberno turco demostra de novo o seu nulo compromiso coa paz, tras dous anos nos que practicamente non deu ningún paso cara á resolución deste conflito e a democratización de Turquía.

As organizacións asinantes queremos condenar o ataque do pasado luns en Suruç e expresar a nosa solidariedade e agarimo ás familias e compañeiras de loita das vítimas, así como reafirmar o noso apoio a quen constrúen a alternativa política, social e económica no Kurdistán e en Turquía.

Por todo iso, esiximos ao goberno turco:

Que finalice inmediatamente a fustigación e a estratexia de represión contra o movemento de liberación nacional e social kurdo e ao pobo kurdo en xeral, así como contra as opcións políticas democráticas e de base.

- Que libere inmediatamente aos compañeiros e compañeiras kurdas detidos.

- Que aposte, dunha vez e firmemente, pola paz e a resolución deste conflito, pois a súa postura actual só contribuirá a xerar máis sufrimento, máis persoas desprazadas e exiliadas e máis hexemonía para quen ameazan calquera forma de vida democrática e plural.

- Esiximos, tamén, á comunidade internacional que actúe de inmediato, abandonando a súa xa clásica estratexia con este conflito de mirar para outro lado, permitindo a vulneración dos dereitos humanos máis fundamentais.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG