O BNG, disposto a iniciar xa o diálogo a prol da candidatura galega de unidade reclamada na Quintana

O BNG considera que a celebración “unitaria e masiva” do Día da Patria, pola que parabeniza ao colectivo cívico convocante, deixou un mandato claro da cidadanía: seguía avanzando na unidade para defender con máis forza á nación galega.

Manifestación unitaria do Día da Patria

“Foi un clamor chamando á unidade das forzas nacionalistas e das forzas galegas para poder defender mellor este país”, sintetizou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen botou man do manifesto lido o 25 de Xullo na Quintana para subliñar ese chamamento á unidade: “Sumados somos unha maioría na sociedade, precisamos fraguar tamén unha maioría política que defenda os nosos intereses. As divisións debilítanos e encamíñanos á insignificancia, mentres que unión multiplica as nosas forzas”.

Con este mandato expresado no Día da Patria, o BNG considera necesario iniciar de inmediato o diálogo para conformar unha gran candidatura galega de unidade.

“Queremos empezar a traballar xa con todas as forzas políticas, con todos os colectivos sociais e cívicos para conformar esa candidatura nacional de unidade canto antes, e convidamos a todo mundo a que asuma este mesmo compromiso de diálogo inmediato, sabendo que hai tempo pero non demasiado para facer un traballo de diálogo social amplo que permita que esa candidatura de unidade sexa realmente representativa. Pensamos que o diálogo debe empezar no día de hoxe entre todos e todas os que queremos que Galiza teña unha gran representación no Congreso”, explicou Vence.

O portavoz nacional deixou claro que o BNG “colle con ilusión” a mensaxe expresada o 25X, “un mandato que debemos coller todas as forzas políticas en Galiza e poñernos xa a traballar para sumar, para unir, para conseguir unha gran candidatura unitaria para as eleccións xerais”, recalcou.

Neste sentido, o Bloque asume o compromiso de traballar “desde hoxe para erguer esa candidatura unitaria de amplo espectro que serva para defender Galiza ante o Estado central e derrotar ao PP”. Vence alegou que ese é o que espera toda aquela cidadanía que aposta por dar voz soberana a Galiza no Congreso para defender as conquistas sociais, os servizos públicos, os nosos sectores produtivos e unha economía capaz de xerar emprego e dar futuro á xente moza no país.

Voz forte no Congreso

Dada a proximidade dos comicios xerais, o Bloque “desde xa” vai “poñer en común e dialogar con todas as forzas políticas, con todos os colectivos sociais e cívicos, coas plataformas que defenden a diferentes sectores para conformar esa gran candidatura nacional galega e unitaria”, avanzou Vence, quen confía en que “todos e todas esteamos á altura das circunstancias, a altura do reto, e a altura do que nos mandou a cidadanía nesa masiva manifestación do 25 de Xullo”.

Con ese obxectivo, a formación nacionalista pon “todo o seu caudal, enerxía e ilusión para construír con todos aqueles que queiran esa candidatura unitaria para levar unha voz forte, potente de Galiza a Madrid e poder defender os nosos intereses inmediatos e o noso status de nación”, como así reclamaron miles de galegos e galegas na manifestación unitaria do Día da Patria, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG