BNG, EH-BILDU e CUP asinan a Declaración de Bonaval en defensa da soberanía plena dos pobos

BNG, EH-BILDU, CUP asinan a Declaración de Bonaval

No marco simbólico do Panteón de Galegos Ilustres e na véspera do Día da Patria BNG, EH-BILDU e CUP asinaron a Declaración de Bonaval na que se comprometen a traballar conxuntamente para superar o marco que consagra a Constitución española de 1978, avanzar cara procesos constituíntes en Galiza, Euskadi e Catalunya e na defensa da soberanía plena das tres nacións.

BNG, EH-BILDU, CUP asinan a Declaración de Bonaval

“Esta declaración é a expresión dunha vontade política partillada para traballar xuntos na construción dun escenario de liberdade para os nosos respectivos pobos”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, ao ritmo que marque “a vontade popular” de cada nación, ante a crise dun sistema institucional que xira sobre a Constitución do 78 á que se suma a crise “non menos profunda” do modelo económico e social “que arrasa os dereitos das nosas clases populares”.

Neste contexto, o BNG considera que é o momento “de dar un paso adiante” co convencemento de que “compartir obxectivos permite ser máis fortes e conseguir avances máis importantes nas nosas respectivas loitas en defensa da soberanía dos nosos pobos”, alegou Vence.

Afondar na colaboración entre forzas nacionalistas axudará “a dar o finiquito” a este modelo constitucional esgotado “que nos oprime como pobos e abrir procesos democráticos para acadar a soberanía das nosas nacións, cada un percorrendo o seu propio camiño pero conscientes que, desde a colaboración, ese camiño será máis rápido”, subliñou o dirixente do Bloque.

Loita nacional e social, indisolubles

Vence manifestou que a Declaración de Bonaval está aberta as formación políticas nacionalistas e independentistas de Galiza, Euskadi e Catalunya “para que se sumen a esa vontade expresa de construír un futuro soberano para cada un dos nosos pobos”, declarou.

BNG, EH-BILDU, CUP asinan a Declaración de Bonaval

Pola súa parte, Roger Castellanos, membro do Consello Nacional da CUP, puxo o acento en rachar coa “falsa dicotomía entre a loita nacional e a loita social, porque ambas son indisociables”, e convidou a facer ouvidos xordos “aos cantos de serea que falan da enésima reforma dun estado español irreformable”. “É o momento da ruptura deste marco de opresión nacional e social”, asegurou Castellanos.

A secretaria de Política Internacional, Maite Uribía, falou de “cortar as cadeas da Constitución do 78”, e igualmente subliñou que pasar a páxina do actual modelo institucional é tamén “mudar o actual sistema socioeconómico que está ao servizo das elites para poñelo ao servizo do benestar e da dignidade da cidadanía”. “Asinamos esta declaración porque defendemos a soberanía plena dos pobos”, concluíu.

Coa Declaración de Bonaval, as forzas asinantes se comprometen a estreitar as relacións entre os pobos das tres nacións, establecer sinerxías para avanzar no obxectivo común de ruptura co modelo de estado consagrado na Constitución e a posta en marcha de procesos constituíntes en Galiza, Euskadi e Catalunya. Igualmente, asumen apoiarse para avanzar no camiño da plena soberanía e na defensa dos pobos a decidir o seu futuro.

Día da Patria

O portavoz nacional pechou o acto cunha referencia ao Día da Patria como unha “gran celebración” de todo o nacionalismo unido nas rúas de Compostela “que será un salto adiante cualitativo no avance cara o recoñecemento da nosa vontade soberanista e dos dereitos nacionais”. “Estou seguro que esta declaración internacionalista de Bonaval e a manifestación unitaria serán un chanzo no camiño a pechar o modelo actual e abrir procesos constituíntes nas tres nacións”, concluíu Vence.

Declaración de Bonaval

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG