O PP opónse á solicitude do BNG para que compareza Tejerina pola crise do sector lácteo

COMISION AGRO 005O PP opúxose esta tarde na Deputación Permanente do Congreso dos Deputados, á solicitude da portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila, para que a Ministra de Agricultura compareza canto antes debido á grave crise que padece o sector lácteo.

Davila chamou a atención dos parlamentares presentes na Deputación Permanente ao cualificar a situación do sector lácteo galego como “extrema”. Lembrou que “era sabido que en canto rematase o sistema de cotas lácteas da UE, isto repercutiría nos problemas que xa ten o sector”. Puxo de manifesto os baixos prezos que cobran os gandeiros galegos en comparanza co resto da UE e do estado. O prezo medio da UE sitúase en 30,4 céntimos, a media do estado está en 29 céntimos, mentras que o sector galego está percibindo entre 26 e 20 céntimos.

Perdas millonarias e aumentos dos custes de produción

A deputada do BNG tamén puxo enriba da mesa os problemas de comercialización que está a padecer o sector galego, ao que “agora se lle exixe que reduzan a súa produción nun 40%. Moitas explotacións gandeiras galegas xa reduciron a súa produción, pero “a pervivencia das 9.000 explotacións galegas, se non se remedia, está en entredito, terán que ir ao peche”.

Ilustrou estas afirmacións subliñando que nos primeiros seis meses do ano, o sector contabiliza unhas perdas de máis de 36 millóns de euros, mentras os custes de produción incrementáronse, tamén debido á incidencia da sequía que se sofre.

Ante esta preocupante situación, Davila explicou que o sector lácteo decidiu unirse, e tamén todos os grupos políticos, agás o PP, para defender, através dunha Plataforma, o sector e reclamar ás Administracións responsábeis, Goberno central e Xunta, que actúen. Criticou asemade a falla de resposta por parte da Ministra.

En días pasados, enfatizou, apuntábase a unha vía: a da posibilidade de proceder a retirar leite do mercado, de xeito que o excedente de produción non provoque maiores caídas dos prezos. “Non sabemos a estas alturas se o Ministerio fixo algo ao respeito”.

Tamén puxo enriba da mesa os abusos da industria láctea que utilizan o leite como producto de reclamo para vendelo a prezos moi baixos, “mentras o Goberno non fai nada”.

Acusou a Tejerina de “falla de respostas perante as demandas do sector” e reprochoulle a “falla de medidas para paliar esta grave crise, máxima cando a UE xa vaticinou que a caída dos prezos seguiría até o 2016”.

O PP dí que están “a facer moitas cousas”

O portavoz do PP, o Señor Gallego, limitouse a censurar as críticas do BNG e doutros grupos da oposición e a sinalar que “se están a facer moitas cousas”. Fixo un resumo de medidas contempladas na modificación do Paquete Lácteo e anunciou campañas de promoción do consumo do leite, pero en ningún momento entrou no problema principal: o dos baixísimos prezos do leite en orixe que sofre o sector galego.

En relación á comparecencia da Ministra de Agricultura, afirmou que “a Ministra respostou en sesións de control”, omitindo que leva meses sen comparecer debidamente para abordar en detalle este preocupante tema para Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG