Vence reitera que a proposta de Podemos para as xerais dexaría Galiza sen voz propia no Congreso

O portavoz nacional, Xavier Vence, reiterou a preguntas dos medios de comunicación, que Galiza precisa unha alternativa construída desde aquí que “ilusione” a toda a cidadanía que quere que o país teña unha voz propia e soberana no Congreso dos Deputados e subliñou que a proposta de Pablo Iglesias, “está pensada para reforzar o proxecto estatal de Podemos, pero non para defender os intereses de Galiza”.

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG

Neste sentido, pediu “rigor” cando se fala de ter grupo parlamentario propio galego en Madrid, e lembrou que a única maneira, -co regulamento do Congreso na man-, é a través dunha candidatura con personalidade xurídica propia desde Galiza, algo imposible coa proposta de Iglesias de concorrer baixo a marca Podemos-outra cousa, ao que habería que sumar que esa fórmula implica ir co programa electoral que determine esa formación.

As declaracións de Vence reiteran a análise feita fai uns días polo portavoz nacional tamén a preguntas dos medios en relación a recente visita de Pablo Iglesias a Galiza.

“Cada quen é libre de formular as propostas que considere oportunas, pero no BNG temos claro que Galiza precisa unha candidatura unitaria que permita lle permita unha representación forte no Congreso para defender os seus intereses”, declaraba.

“Esa candidatura de unidade tería personalidade xurídica e respondería exclusivamente ao que se decida en Galiza”, afondou Vence, quen considera que as propostas feitas por forzas políticas estatais “son lexítimas, pero non responden aos intereses inmediatos e estratéxicos dos galegos e galegas”.

“O que cumpre facer para Galiza é todo o contrario do que estes días formula o señor Pablo Iglesias que ten toda a lexitimidade para construír unha forza política estatal que despraza as que xa existían”, declarou a preguntas dos medios.

Vence chamou a atención sobre as contradicións da proposta de Pablo Iglesias, nas antípodas de quen di representar “á nova política”.

“Aqueles que naceron contra as organizacións políticas e con vocación de antipartido resulta que se rebelan como os maiores defensores dunha marca e dunhas siglas, aqueles que se levantaron defendendo a iniciativa da cidadanía por abaixo e non desde as cúpulas vemos que, neste momento, son os que toman decisións de xeito máis vertical e tratan de impoñer as súas siglas para a conformación de candidaturas ao largo e ancho do territorio español”, argumento Vence.

Máis centralista cos partidos do réxime

Nesta enumeración de facer o contrario do que se di, o dirixente nacionalista, tamén sinalou que “aqueles que naceron dicindo que eran moi respectuosos co dereito a decidir o coas iniciativas das diferentes nacións, agora formulan unha estratexia política que resulta rechamantemente centralista en comparación mesmo co que son as propostas políticas que había tradicionalmente no Estado español”.

O BNG formulou unha proposta que pasa por renunciar as súas propias siglas en aras de sumar e conformar unha candidatura galega de unidade, - un suxeito político novo-, con todas as forzas políticas e con toda a cidadanía que comparta o obxectivo de que Galiza teña unha voz forte en Madrid a través dun grupo parlamentario propio.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG