Coa Xunta ausente, as grandes cadeas de distribución impoñen o seu poder ao sector leiteiro galego

O BNG reitera o seu apoio a todas as accións que se promovan desde os concellos do rural, sindicatos agrarios e colectivos a prol do sector leiteiro, e reclama á Xunta de Galiza que “se sume” á sociedade civil para “defender con uñas e dentes” un sector produtivo que está baixo mínimos, con apenas 40.000 persoas afiliadas.

Reunión de Vence e Paz cos sindicatos agrarios

“Se queremos un rural vivo, temos que ter un sector leiteiro vivo”, subliñou o portavoz nacional, Xavier Vence, tras denunciar que a situación crítica dos gandeiros e gandeiras galegas “é o resultado da obediencia da Xunta e do goberno central ás política europeas que desmantelan os sectores produtivos”.

No caso do sector leiteiro, a UE impuxo primeiro un sistema de cotas que limitou por décadas a capacidade de desenvolvemento dos produtores galegos e, agora, suprime ese sistema para dar paso a unha liberalización do mercado, “que deixa ao sector nas mans das grandes cadeas de distribución que deciden os prezos e os lugares de produción, como o caso de Mercadona, cuxa política de compras despraza a produción a Andalucía, Levante, ao País Vasco e a Aragón”, denunciou Vence.

A “renuncia do Estado e da Xunta a regular o sector e a fixar prezos mínimos deixa aos produtores a expensas do que decidan as cadeas de distribución”, por iso, o Bloque demanda da Xunta que pida ao goberno central medidas urxentes para frear este poder omnímodo e evitar as súas “políticas de abuso”, e xa avanzou que reclama a reunión da Comisión Permanente do Parlamento galego para que Feijóo compareza a explicar as medidas do executivo autonómico en defensa do sector.

Exercicio de soberanía

Vence tamén valorou o “non masivo” da cidadanía grega ás políticas da Troika que abre un escenario novo para o conxunto da Unión Europea, e salientou o feito de que, por primeira vez, “unha decisión económica que afecta de xeito directo á vida da cidadanía dun país se teña sometido a referendo”, o que cualificou de “exercicio de soberanía e de democracia plena ante unha decisión crucial para o futuro dun pobo”.

O dirixente nacionalista confía en que o resultado do referendo sexa unha chamada de atención “que permita repensar o modelo europeo que se ten convertido nun auténtico pesadelo para os pobos, para os traballadores e traballadoras e para o conxunto da cidadanía”.

As políticas e os orzamentos da UE teñen que deixar de estar ao servizo das finanzas especulativas, “que poñen contra as cordas aos sectores produtivos”. “Non estamos só ante un problema de pago de débeda, senón ante as consecuencias das políticas europeas que destrúen a económica produtiva, en particular dos países da periferia de Europa”, cuxas consecuencias teñen un exemplo de libro no sector leiteiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG