Vence advirte dun estoupido social se Feijóo segue ignorando o drama do sector lácteo

Reunión de Vence e Paz cos sindicatos agrarios

O portavoz nacional, Xavier Vence, advirte ao presidente da Xunta que ou toma medidas inmediatas para sacar ao sector leiteiro da situación “de emerxencia”, que ten a centos de explotacións ao borde do peche, ou haberá un estoupido social.

Reunión de Vence e Paz cos sindicatos agrarios

“Prezos que obrigan a producir a perdas, contratos lixo e ameazas de non recollida de leite están provocando un efecto de desesperación e de resignación no sector que pode conducir a unha situación de estoupido social, dun conflito social de gran magnitude”, argumenta Vence, quen reclamou seriedade e compromiso á Xunta.

“Feijóo ten que tomarse este asunto en serio, non pode seguir mirando para outro lado, non pode seguir ignorando ao sector, ás organizacións sindicais, ás organizacións de produtores e ten que sentarse a negociar con todos eles, facer que as industrias se senten a negociar de inmediato antes de que este problema se poda ir das mans”, explica o dirixente nacionalista.

Tras unha reunión mantida cos responsables dos sindicatos agrarios, Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores, Vence confirmou o apoio e participación do BNG, como organización política así como dos seus alcaldes e alcaldesas, no Foro social en defensa do sector lácteo e a participación tamén na tractorada prevista para o 17 de xullo.

“Non estamos só ante unha crise do sector leiteiro, senón do conxunto do medio rural”, recalcou Vence, seguindo a voz de alarma dada polos alcaldes e alcaldesas nacionalistas de concellos do rural, que propuxeron unha convocatoria aberta a todos os rexedoras e rexedoras sen distinción de cor política para aportar solucións tamén desde os concellos, convocatoria prevista as 11.00 na casa de cultura de Boimorto o luns 6 de xullo.

Igualmente, a formación nacionalista avanzou que vai presentar iniciativas ante o Parlamento galego, ante o Congreso e tamén en Bruxelas, “dada a evidencia de que o paquete lácteo europeo non está funcionando en Galiza” e, sobre todo, o Bloque demanda “un plan de medidas urxentes inmediato” que poña freo á “situación dramática e de emerxencia do sector”.

Esas medidas de urxencia que a Xunta debe implementar para sacar ao sector “do abismo” pasan por poñer freo á extorsión que exerce a industria, garantindo que os gandeiros e gandeiras galegas deixen de producir a prezos por debaixo de custe e, cando menos, reciban a mesma contía por litro que o resto de produtores do Estado, que os pagos se realicen sen demoras, garantir a recollida do leite e o cumprimento dos contratos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG