OXI/NON: democracia, soberanía e futuro para os pobos e as persoas

Comunicado da Executiva Nacional do BNG en relación ao referendo grego do 5 de xullo

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2015.- O próximo domingo os cidadáns e cidadás gregas están chamados a votar nun referendo para manifestar a súa opinión sobre o plan que a Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o FMI poñen como condición para manter e estender as liñas de crédito coas que terman do sistema financeiro grego e aseguran o pagamento da débeda aos acredores europeos. A concesión destes novos préstamos está ligada á aplicación doutro programa de recortes de dereitos sociais e a un aumento de impostos que prexudica gravemente as clases populares.

Os anteriores rescates patrocinados pola Troika levaron a Grecia a unha situación de crise humanitaria onde o PIB grego caeu máis dun 25%, unha porcentaxe só coñecida en países en guerra. A aplicación dos programas de recortes teñen como único fin asegurar un superávit fiscal do estado grego que permita o pagamento dunha débeda que o propio FMI vén de recoñecer que non é posible devolver.

Perante o dilema de repetir os acordos dos anteriores gobernos gregos, o executivo de Alexis Tsipras decidiu convocar un referendo que rompe unha das regras sagradas da UE: as decisións non se someten á vontade popular e tómanse baixo criterios estritamente tecnocráticos, fórmula baixo a que ocultan o goberno ao ditado de intereses alleos aos da maioría social das nacións europeas. A iniciativa grega desvela nun único acto o carácter profundamente antidemocrático da UE, como manifesta a virulenta reacción dos máximos representantes da elite europea que describen a consulta como unha ameaza ao deseño institucional co que pretenden coutar a soberanía dos pobos.

O BNG quere mostrar o seu apoio á celebración do referendo e ao rexeitamento dos plans da UE e o FMI. Consideramos que o voto negativo expresa a vontade do pobo grego de oporse ás políticas de austeridade e aos mecanismos de coacción que a UE emprega para impoñelas. Así mesmo, entendemos que o referendo demostra que a combinación de soberanía e democracia é o único instrumento útil para confrontar as políticas que empobrecen os países e os condenan a relacións de dependencia que o nacionalismo galego vén denunciando desde hai moito tempo. O caso grego é un exemplo extremo da lóxica política que se aplica na UE desde a súa fundación e que tan tráxicas consecuencias tivo para o noso país. Vémolo estes días na situación dramática que está a atravesar o rural galego, condenado á destrución dun sector produtivo vital por decisións que veñen impostas pola UE e o Estado.

O resultado do referendo grego e os acontecementos posteriores tamén marcarán o noso futuro como pobo. Desde o BNG agardamos que a propia celebración do referendo e o seu resultado favorable aos intereses das clases populares gregas signifiquen o comezo dun tempo novo no que a democracia e a soberanía sexan os principios sobre os que se cuestione radicalmente o deseño da UE e das relacións de dependencia nos propios estados europeos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG