Alcaldes do rural do BNG fan un chamamento en defensa do sector leiteiro "sen mirar a cor política"

Alcaldes de San Sadurniño, Boimorto e Mazaricos

“Estamos ante unha morte lenta pero segura e se morre o sector leiteiro morre o rural. Non o podemos consentir sen loitar”, aseguraba o alcalde de Boimorto, Xosé Luís Rivas, Mini, nunha comparecencia ante os medios.

Alcaldes de San Sadurniño, Boimorto e Mazaricos

“Como alcaldes e alcaldesas de concellos do rural estamos aquí porque queremos implicarnos na defensa do sector leiteiro, porque se trata de defender aos nosos veciños e veciñas. Non falamos en abstracto, non falamos desde os despachos, falamos de homes e mulleres, falamos da xente moza que vive nas parroquias e nas aldeas dos nosos concellos, que loitan cada día por sacar a súa explotación adiante”, explicou, acompañado dos tamén rexedores de Mazaricos, Xosé Blanco, e de San Sadurniño, Secundino García.

Neste contexto, os rexedores nacionalistas do rural fixeron un chamamento “en réxime de autoconvocatoria aberta a todos os alcaldes e alcaldesas dos concellos do medio rural sen distinción algunha de cor política”, subliñou, “para levantar unha plataforma en defensa do sector leiteiro e en defensa do rural”. A cita, o luns 6 de xullo na casa da Cultura de Boimorto as 11:00 horas.

Sen condición previa algunha e sen distinción de cor político, reiterou, “porque estamos falando de país e cando estamos falando de país, o resto sobra”, alegou.

Igualmente, subliñaron que non vai ser “unha plataforma allea a outras loitas”, xa que a intención é estar a disposición do sector leiteiro “para o que faga falta”. “Pero creemos que como institucións xogamos un papel complementario de calquera outra mobilización”, indicou o alcalde de Boimorto.

“Este chamamento é complementario pero temos algo que dicir como concellos, e estamos a favor de todo aquilo que nos aperte da senda do suicidio” ao tempo que salientaba que “ten que ser o municipalismo rural quen levante a última bandeira en defensa do sector, porque estamos nunha data crucial”.

Alcaldes de San Sadurniño, Boimorto e Mazaricos

Prezos abusivos e problemas coa recollida

En igual sentido se pronunciou o alcalde de Mazaricos, Xoán Blanco, municipio que vive de xeito indirecto ou indirecto do sector gandeiro. “Temos 360 explotacións gandeiras, se fallan as explotacións fallan os talleres, falla a hostalería, fallan as empresas de servizos, cando falla a gandería, cando falla o sector leiteiro falla todo”, explicaba o rexedor, quen advertía que sen sector gandeiro un concello como Mazaricos de 4.200 habitantes pode reducir a súa poboación a 1.000 en dez anos.

“Non seríamos capaces nin de manter os servizos básicos”, alerta.

“Desde os concellos temos unha responsabilidade directa, e podemos prestar apoio ante os abusos das industrias que poñen en perigo a explotacións que fixeron os deberes, que investiron e que son produtivas pero que non poden ca política de prezos abusivos da industria”, argumenta Blanco.

Froito desa posición de forza da industria, en San Sadurniño a maior explotación tivo problemas de recollida, explicaba o alcalde Secundino García. “A solución non pode vir por regalar o leite, a vinte céntimos, o que é moito por debaixo do prezo de custes”, alegou.

“Calquera alcalde de calquera cor política ten que estar preocupados e por iso dicimos, co municipalismo no corazón, xúntomenos e busquemos maneiras de axudar”, concluíu o rexedor de Boimorto.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG