O BNG pregunta pola posíbel supresión do programa musical “Planeta Furancho

A parlamentaria do BNG, Montse Prado reclamou accións para que a música de Galiza teña unha maior presenza na RG e TVG

Montse Prado en Comisión

 A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao director xeral da CRTVG sobre a posible eliminación do espazo musical “Planeta Furancho” emitido pola Radio Galega.

A deputada lembrou que na última comisión de control celebrada o pasado 20 de maio, o BNG tamén preguntaba ao titular da CRTVG se consideraba que a produción musical galega ocupaba un lugar destacado como encomendaba a legalidade vixente, respondendo Sánchez Izquierdo cun categórico “sen dubida” pois ben, dixo a nacionalista, estamos a comprobar que iso non é certo e a música galega está condenada á “marxinalidade” e mesmo se está a producir a eliminación da grella do programa musical “Planeta Furancho”, polo que preguntou se a suspensión do programa será definitiva e que accións emprenderá o director da CRTVG para que a música galega teña máis presenza na RTVG.

Sánchez Izquierdo confirmou á deputada que o programa “Planeta Furancho” será “elaborado e presentado por persoal propio da Radio Galega” e explicou que o anterior responsábel, na súa calidade de colaborador do programa, non “aceptou as novas condicións laborais” que si foron aceptadas polo resto dos colaborador@s. Sánchez Izquierdo reiterou o seu compromiso coa cultura e lingua galega e defendeu que, tanto a Televisión, como a Radio galega están cumprindo con ese compromiso.

O Programa musical, “Planeta Furancho” continúa a súa emisión na Radio Galega

A deputada volveu a preguntar en que franxa horaria será emitido o programa e congratulouse de que o programa “Planeta Furancho” continúe. Prado tamén preguntou polas relacións laborais que establece a CRTVG cos colaboradores e produtoras.

Sánchez Izquierdo lembrou que o programa naceu hai seis anos e de haber “algunha reticencia política non tería sentido mantelo”, afirmou. O director da CRTVG tamén explicou que as razóns polas que o presentador renunciou a seguir colaborando obedeceron ás novas condicións marcadas por un novo réxime laboral e eludiu falar das “razóns persoais” aducidas polo presentador para a súa renuncia.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG