Jorquera : “A venda de Novagalicia Banco foi un pelotazo ás contas públicas"

Francisco Jorquera demandou do Goberno do Estado facer público o informe da consultora McKinsey rotativo “á mellor estratexia para a venda de Novagalicia Banco”

Francisco Jorquera

O BNG levou hoxe á Comisión de Economía e Facenda unha Proposición non de lei relativa ao proceso de venda de Novagalicia Banco destinada a demandar do Goberno do Estado facer público o informe da consultora McKinsey sobre a mellor estratexia para a venda de Novagalicia Banco.

O deputado, Francisco Jorquera, autor da iniciativa afirmou que “a venda de Novagalicia Banco foi un pelotazo, a costa de saquear as contas públicas” polo que instou á Xunta de Galiza a demandar do Goberno do Estado “facer público o informe da consultora Mckinsey sobre a “mellor estratexia para a venda de Novagalicia Banco”.

Jorquera denunciou que mentres sega “secuestrada a Comisión das Caixas” o BNG levará ao Parlamento, todas as veces que sexa necesario o acontecido no proceso de venda da entidade bancaria porque “a sociedade galega ten dereito a coñecer a verdade”.

Tras criticar o modelo de reestruturación do sector financeiro do Estado español, “altamente concentrado e centralizado”, o deputado lembrou que o BNG xa advertiu que este “oligopolio” agravaría máis as dificultades de acceso ao crédito das familias e empresas e de maneira especial prexudicaría a Galiza.

Galiza foi a Comunidade onde máis retrocedeu o crédito

O parlamentario remarcou que Galiza experimentou un descenso do do 18,81% sobre o total do crédito que se concede o Estado.

Francisco Jorquera na comisión de Economía

Por outra parte, engadiu que a venda de Novagalicia Banco, aceleraría a “expatriación do aforro” dos galegos e galegas e hoxe os datos, afirmou “avalan esa afirmación”, Galiza xa e a Comunidade Autónoma co volume máis baixo de crédito en relación cos depósitos que teñen os bancos no noso país.

A venda de NCG foi un agasallo do Estado a un banqueiro venezolano

A bancarización e posterior venda da entidade galega que xestionaba “un terzo do noso aforro” a un grupo venezolano foi “un auténtico agasallo do Estado” e ao máis puro estilo do “todo a cen”.Neste sentido lembrou que foron inxectados 9.000 millóns de euros no saneamento de Novagalicia Banco e foi vendida por 1.003 millóns “a pagar en cómodos prazos”. Unha vez vendida, pechou o 2014 cun beneficio de 1.157 millóns que superaron o prezo oficial da venda.

“Os cidadáns teñen dereito a saber cal foi o custe real para o erario público a decisión política de regalar anticipadamente NCG a un banqueiro venezolano” por iso, esiximos que a Xunta demande do FROB toda a documentación do proceso da venda para poñela a disposición do Parlamento de Galiza, concluíu.

O PP vota en contra da iniciativa nacionalista

Pola súa parte, o portavoz do PP, Pedro Puy anunciou o voto desfavorable á iniciativa do BNG por considerar que a ABANCA é “unha marca que se consolida, se incrementou o crédito e hoxe ten máis depósitos”. Puy engadiu que os galegos e galegas confían na ABANCA e sobre a venda afirmou que tiña que estar vendida no ano 2016 como recomendaba Europa e na puxa gañou e que máis pagou.

Jorquera replicou que o BNG non discute que ABANCA sexa viable. Dende o BNG o que denunciamos, dixo, é que dos recursos para saneala, “Galiza non recuperou ni un euro” e hoxe o que temos que votar é se a Xunta demandará do Goberno do Estado facer público o informe da consultora Mckinsey.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG