Israel apreixa o buque no que viaxa Ana Miranda e condúceo a unha zona militar

Francisco Jorquera pide ao Presidente da Xunta que emprenda as accións necesarias para garantir a seguridade da portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, única representante galega no Marianne desviado por Israel á zona militar de Ashdod

Ana Miranda

 O portavoz do grupo parlamentario, Francisco Jorquera e a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez amosaron hoxe a súa “enérxica repulsa” pola intervención militar contra a Flotilla da Liberadade e instaron ao Goberno do Estado a denunciar a violación do dereito internacional do Estado de Israel e a emprender accións urxentes para garantir a “inmediata liberación” da cidadá galega, Ana Miranda e do resto das persoas apreixadas.

Francisco Jorquera presentou ante os medios de comunicación a proposta de “Declaración Institucional” que o BNG defenderá mañá na Xunta de portavoces, para que o Parlamento galego manifeste a súa repulsa ante estes graves feitos e ratifique o seu recoñecemento das reivindicacións do pobo palestino e o seu dereito á autoderminación para disfrutar de “liberdade, paz e democracia” nun Estado soberano e independente e demandando do Goberno do Estado que recoñeza o Estado palestino sobre as bases das fronteiras anteriores a 1967, “tal e como establece a resolución aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 29 de novembro de 2012”, votada favorabelmente polo Estado español.

Francisco Jorquera e Rosana Pérez

O BNG pide a Feijóo que garanta os dereitos de Ana Miranda, única galega do barco apreixado polas autoridades de Israel

Ser presidente da Xunta, dixo Jorquera, non consiste só en preparar titulares de prensa e facer de comentarista político, debe “dar a cara ante os problemas do país e ante a vulneracións dos dereitos básicos dos cidadáns” polo que instou a Feijóo a asumir as súas responsabilidades e emprender “cantas accións sexan necesarias” para denunciar este ataque aos dereitos humanos e “garantir a posta en liberdade da nosa compañeira, Ana Miranda, única cidadán galega no buque apreixado polo Estado de Israel”.

O BNG xestiona co Ministerio de Exteriores a liberación do Marianne

Pola súa parte, a deputada no Congreso, Rosana Pérez explicou que o apreixamento do Marianne, produciuse a unha da madrugada do 29 de xuño a 100 millas da Costa de Gaza, en “augas internacionais” e conducido á zona militar de Ashdog. Como toda zona militar, dixo, “non ten acceso consular” e polo tanto o consulado español en Tel Aviv non pode ter ningún contacto coas persoas que viaxan no buque. Ao chegar a porto se lles ofrecerá a deportación e se a rexeitan serán conducidos a un centro de detención onde terán acceso consular.

O BNG,engadiu a deputada, ao coñecer o apreixamento púxose en contacto co Ministerio de Exteriores para transmitirlle a condena e repulsa por esta “acción ilegal” por parte do Estado de Israel e reclamar garantías de seguridade para todos os cidadáns españois que viaxen no buque e a nosa compañeira, Ana Miranda así como para que se axilicen os trámites para poder regresar a Galiza.2

Esta misión, reiterou Rosana Pérez, “é humanitaria e tiña como obxecto entregar medicamentos e alimentos no campo de concentración de Gaza, onde vive máis de 1.800.000 persoas”.

Jorquera rememora o ataque no ano 2010 da Flotilla da Liberdade

Jorquera concluíu a súa intervención lembrando que no ano 2010 a Flotilla da Liberdade sufriu un ataque no que se rexistraron nove mortos e máis de trinta feridos, “un crime cometido polo Estado de Israel” contra activistas polos dereitos humanos nunha misión humanitaria que seque “impune”, polo tanto, recalcou, estamos a falar de cuestións moi serías, de aí que instemos ao Goberno galego a asumir as súas responsabilidades.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG