O bipartidismo négase á transferencia da AP-9 a Galiza como pedía o BNG no Pleno do Congreso

O bipartidismo clásico, PP e PSOE, negáronse esta tarde a aprobar a admisión a trámite da proposición de lei do BNG que demandaba a transferencia da autoestrada AP-9 á Galiza.

Negáronse a pesar de que a proposición de lei do BNG recibiu o apoio dos demáis grupos parlamentares da Cámara: PNV, UPyD, Izquierda Plural e CIU. De novo é o bipartidismo de sempre o que obstaculiza unha necesidade para Galiza.

Rosana Pérez lembrou que o BNG trouxo ao Congreso en numerosas ocasións este tema, e algunhas veces foi aprobado “aínda que nunca efectivizado”, en alusión a febreiro de 2009 cando o Congreso aprobou unha moción do BNG neste sentido.

As contradicións de PP e PSOE

E isto, sinalou, a pesar de que tanto o PP como o PSOE, e despois de que o BNG o plantexou en numerosas ocasións, “utilizárono como arma arroxadiza dependendo de quen estivese no Goberno central e no autonómico”. Neste sentido, puxo de manifesto as contradicións do PP ao longo destes anos: o senador do PP por Lugo, Xosé Manuel Barreiro, solicitou o seu traspaso sendo Presidente Zapatero, e votando o PSOE en contra.

O Señor Feijoó pediullo a Touriño cando presidía a Xunta. Rosana Pérez concluiu que os dous grandes partidos “dixeron que si e que non en función da cor das bancadas nas que senten en cada momento”.

Denunciou que as peaxes non pararon de subir, igual que o deterioro do servizo. Explicou as innumerábeis queixas dos usuarios sobre o mal funcionamento da AP-9: “desde a falla de iluminación ate a reposición do firme, desde a sinalización até as condicións das áreas de peaxe, ou a supresión do personal de cabinas”. Reprochou ao Ministerio de Fomento que non garanta que a concesionaria cumpra coas obrigas do concesionario. Así, rememorou as colas interminábeis e os colapsos que se producen en período estival.

“O Ministerio ao máximo que chega é a abrir un expediente informativo do que nunca soubemos as súas conclusións. Hai un notábel malestar polos reiterados incumprimentos e pola falla de medidas por parte do Ministerio”, afirmou. Por iso, recalcou, “é necesario superar estas situacións e xestionar desde Galiza a nosa principal infraestrutura viaria, e proceder á transferencia da competencia sobre o réxime xurídico da AP-9”.

Lembrou que a AP-9 é a principal vía de comunicación de Galiza, que conecta o norte co sur, de Ferrol a Tui. “É un eixe vertebrador fundamental para a comunicación interna de Galiza e con Portugal”. Unha vía da que “somos altamente dependentes e da que depende o desenvolvemento económico de Galiza”. Ademáis, salientou o feito de que non conte “cunha alternativa segura porque a N-550 presenta una grande deterioro en moitos tramos”.

Baseou o traspaso no artigo 27.8 do Estatuto galego e no artigo 148.1.5ª da Constitución, ambos referidos a estradas cuxo percorrido é íntegro polo territorio galego. Desbotou o argumento clásico de que é unha vía de carácter internacional porque a conexión de Tui coa fronteira portuguesa faise através da A-55. Considerou “lóxico que Galiza teña capacidade de decisión e de planificación das súas infraestruturas viarias, “e ten máis lóxica aínda se poñemos enriba da mesa o dado do que Galiza está a pagar, máis de 3 millóns de euros anuais, e pagará até o 2048 no caso da AP-9”.

“Puxeron o interese xeral ao servizo de intereses privados”

Fixo algo de historia ao lembrar o seu proceso de privatización no ano 2003, sendo Presidente Aznar. “Un típico exemplo dun nefasto uso dos recursos públicos e de pór o interese xeral ao servizo das empresas privadas que fixeron un negocio redondo cos cartos de todos”.

Destacou a rendabilidade desta infraestrutura para os seus compradores. Así, subliñou que desde o 2003 até o 2011, os seus beneficios foron de 463,55 millóns, a conta de aumentar desmesuradamente as peaxes.

Criticou a cicateira política de investimentos da concesionaria que se traduce en “graves défices de prevención, seguridade e mantemento”.

PP e PSOE

Chamou a atención a agresividade do grupo socialista na súa argumentación, centrada na Lei de Estradas e no “carácter estatal” da AP-9, defendendo en todo momento o seu mantemento en máns da Administración central.

Pola súa parte, o deputado popular, Celso Delgado, que tamén tildou a autoestrada de “interese xeral” , foise pola tanxente ao argumentar a falla de tempo porque a lexislatura chega ao seu fin ou derivando o seu debate a outros marcos lexislativos “se é que o BNG considera que debe ter carácter autonómico”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG