Montse Prado: “Qué teme o PP para non informar do traslado do Hospital de Vigo?"

A deputada, Montse Prado reclamou, a través dunha proposición non de lei, información dos criterios para o traslado ao novo Hospital e como afectarán á asistencia sanitaria na EOXI de Vigo

Montse Prado

A deputada do BNG, Montse Prado reclamou hoxe, na Comisión de sanidade, a publicación “inmediata” da dotación de servizos e cadro de persoal do novo Hospital de Vigo así como a información sobre os criterios para o traslado ao centro e as consecuencias que provocará na asistencia sanitaria na EOXI de Vigo.

A deputada lembrou que nunha anterior Comisión, o BNG xa solicitou esta información sen que polo momento se producira nada máis que “anuncios e inconcrecións” de aí que hoxe, dixo, volvamos a preguntar por estas cuestións. O mínimo que debe facer un goberno transparente é facilitar ao Parlamento e aos profesionais da Área sanitaria de Vigo esta información.

No pasado pleno, engadiu a deputada, o portavoz do Partido popular anunciou a posta en marcha do novo Hospital de Vigo, e Núñez Feijóo afirmou publicamente que no primeiro semestre do 2015 iniciarase a actividade no Hospital. Resulta “escandaloso” que a estas alturas descoñezamos con que medios e cadro de persoal vai contar o novo centro e que a Consellería se negue sistematicamente a publicar esta reclamación, “a que ten medo o Partido popular para ocultar o que estamos reclamando”, preguntou Prado.

Por outra parte, a deputada tamén se referiu á “alarma” causada pola privatización do centro, os recortes nos módulos, camas e equipamentos así como a eliminación dun laboratorio central e o “desplifarro” de recursos públicos “cun canon de 70 millóns anuais que pasan a ser 1.400 millóns de euros fronte os 350 previstos” , ademais do incumprimento dos prazos previstos para a súa posta en marcha.

Se non eran poucas esas alarmas,abondou, agora temos que sumar, “opacidade, escurantismo e falta de información “da foto” actual e a “foto final”. Para o BNG, remarcou, a consellería demostra “unha total incapacidade” para xestionar con racionalidade o novo Hospital de Vigo.

Pola súa parte, o portavoz do PP, Miguel Santalices asegurou que se están a cumprir as previsións e ante o traslado que xa está programado “ estamos falando co persoal”.

Na réplica, a deputada volveu preguntar “a que lle ten medo o Partido popular para negarse a informar sobre os prazos e os servizos do Hospital e como se empregan os cartos públicos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG