Vence: “os concellos do BNG tras o 24M serán un contrapoder insubmiso contra as políticas da dereita

Rubén Cela reivindicou os anos de traballo do BNG en Compostela, desde o goberno e desde a oposición. “Non somos uns paracaidistas”, dixo

Ironiza sobre un Feijóo “nervioso que clama un día contra o Bloque outro contra Podemos, pero onde están estas candidaturas en Galiza?”

Acto Público en Santiago de CompostelaO portavoz nacional, Xavier Vence, contrapuxo a traxectoria de traballo desenvolvido polo BNG no concello de Santiago coa “desfeita” dos catro anos de PP en Raxoi.

“Compostela ten a memoria fresca para ver o contraste entre unha acción de goberno como a do BNG e un PP que sumiu Santiago no desgoberno, na corrupción, no descrédito e na vergoña colectiva”, recalcou no mitin na compostelán praza de Cervantes.

Por iso, dixo, “o 24M a cidadanía poñerá ao PP onde lle corresponde: no faiado dos trastos vellos”, e amosouse convencido de que incluso “os votantes moderados do PP darán as costas a un proxecto antisocial e antigalego dun Feijóo hooligan dos recortes é unha política que vai ao corazón da cidade, radicalizando até o estremo as súas políticas contra a sanidade e a universidade pública”.

En contraposición, Vence destacou o compromiso político público da formación nacionalista de converter todos os concellos gobernados polo BNG tras o 24M “nun contrapoder insubmiso contra as políticas devastadoras da dereita”.

“Os concellos nacionalistas serán un verdadeiro contrapoder ás políticas de recortes e antisociais da dereita radical que en Galiza representa Feijóo, políticas devastadoras que padece a maior parte da cidadanía. Esas políticas non poden ter aliados nos concellos, e os concellos gobernados polo BNG serán absolutamente insubmisos”, proclamou o portavoz nacional.

Feijóo atordado

Vence ironizou sobre un Feijóo “nervioso, clamando por maiorías e vociferando discursos delirantes contra o radicalismo”. “Xa non sabe onde pisa, uns días arremete o Bloque e outros contra Podemos. Pregunto en que país vive Feijóo, acaso viu algunha candidatura de Podemos no noso país?

O portavoz nacional puxo en valor o “proxecto nacionalista” que representa o BNG, que non é “un conglomerado conxuntural” senón un proxecto nacional que tenta construír un novo país desde os concellos.

Traxectoria de 30 anos

Na súa intervención, o candidato Ruben Cela salientou que o BNG “non é un paracaidista na política municipal de Compostela porque levamos máis de 30 anos traballando na defensa da veciñanza de Santiago, afirmou o candidato Rubén Cela.

A veciñanza de Santiago coñece do que foi capaz o BNG, tanto nos 12 anos que ocupou responsabilidades de goberno, como cando exerce labores de oposición, e hoxe “non poderíamos comprender algúns aspectos claves de Santiago sen o paso do BNG polo seu goberno municipal”, alegou.

Participación cidadá, outro modelo de desenvolvemento medioambiental, un apoio á nosa cultura e á nosa lingua decidido e sen complexos, unha verdadeira política de rehabilitación e de posta en valor do noso patrimonio, apoio ao ensino público de calidade, do deporte de base, de políticas de emprego ou de impulso doutro modelo de turismo, enumerou Cela.

“Como nacionalistas non podemos entender Galiza sen a súa capital: Santiago. Pero tampouco podemos concibir Santiago sen Galiza, fóra dunha estratexia nacional. Tamén somos de esquerdas e actuamos como xente de esquerdas, sempre ao carón dos máis desprotexidos, ao carón das clases populares. Cando hai fotos e cando non as hai, ningún conflito social nos foi indiferente estes anos”, alegou.

"Santiago non precisa dunha pseudo rexeneración democrática, precisa dunha auténtica revolución democrática", concluíu, para solicitar o apoio a candidatura BNG-Asembleas Abertas o 24M.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG