Vence reivindica no primeiro de maio políticas económicas que xeren emprego digno na nosa terra

O portavoz nacional do BNG critica “o cinismo do PP” ao trasladar á cidadanía un discurso de optimismo e triunfalismo sobre a fin da crise

Vence participou en Vigo na manifestación do 1 de maio convocada pola CIG

foto 1maio bngO portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, reivindicou neste primeiro de maio “a necesidade de practicar novas políticas económicas para que o noso país xere emprego digno na nosa terra que sexan un horizonte de futuro para as novas xeracións”. Vence recalcou que as políticas neoliberais do PP na actualidade, tanto en Madrid como na Xunta, só están levando “ou ao emprego precario de pobreza ou á emigración”.

Na manifestación do 1 de Maio en Vigo, o portavoz nacional do BNG criticou o cinismo do Goberno, tanto de Rajoy como de Feijoo, que son capaces de trasladar á cidadanía un discurso propagandístico de optimismo e triunfalismo dicindo que estamos xa saíndo da crise. Vence subliñou que non hai razóns para o triunfalismo senón todo o contrario, “estamos nun escenario onde non hai reactivación da industria nin dos servizos, non hai creación de emprego de futuro e continúan aínda máis os recortes e os recortes de dereitos”.

foto 1maio Vence-SerafinO portavoz nacionalista lembrou que no primeiro trimestre deste ano se perderon 13.000 empregos en Galiza “e os poucos empregos que se crean son precarios, a tempo parcial, con salarios que non chegan ao salario mínimo e que están levando a toda a xente nova, que se está incorporando ao mercado laboral, á pobreza ou á emigración”.

Vence salientou que xa é hora de rematar con estas políticas “agresivas e devastadoras” do PP e de inverter a situación, aspirando a ter unha alternativa de traballo digno na nosa terra. Vence insistiu en que lograr isto ten que ser a prioridade absoluta das políticas económicas e laborais de Madrid e da Xunta.

Folleto que repartiu o BNG nas manifestacións do Primeiro de Maio

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG