O BNG presenta recurso de amparo perante o Constitucional polo recurte de dereitos na Cámara galega

IMG_9522O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, o portavoz no Parlamento galego, Francisco Jorquera, e a deputada na Cámara galega, Carme Adán, acudiron este mediodía ao Tribunal Constitucional a presentar un recurso de amparo polos recurtes de iniciativas parlamentares e de tempos ao BNG no Parlamento galego.

Á saída do rexistro do Constitucional, o portavoz nacional do BNG deixou claro que o Parlamento galego é a principal institución democrática de Galiza, “polo tanto, non podemos aceitar ningún tipo de recurte na calidade da democracia na Cámara”. Xavier Vence alegou que o PP “está vulnerando o dereito do grupo parlamentar do BNG e de paso, estánse a vulnerar os dereitos dos cidadáns representados através dos parlamentares do BNG”.

Acusou á Presidencia da Cámara galega de facer unha interpretación arbitraria das normas e de“seguer as directrices do PP que non se axustan a dereito nin ao Regulamento da Cámara”. Culpou ao PP de “reducir a calidade democrática” e afirmou que “non imos renunciar aos nosos dereitos de facer preguntas ao Presidente do Executivo, nin ao noso cupo de iniciativas”. Sinalou que o propósito da Presidencia da Cámara e do PP “é o de reducir a voz e a calidade democrática dos que levamos os intereses dos cidadáns e do pobo galego ao Parlamento galego”.

Subliñou que “estamos dispostos a dar a batalla para garantir os dereitos dos parlamentares e da cidadanía” e criticou a “desvalorización e degradación da democracia que fai o PP”. “Un PP que usa o poder político para mermar a calidade da democracia e a capacidade de iniciativas do BNG. Non imos aceitar a imposición arbitraria do PP”.

Jorquera: “Estamos perante a táctica do PP porque lle molesta a crítica e as propostas do BNG”

IMG_9517Jorquera explicou aos medios que o recurso perante o Tribunal Constitucional é porque se está a conculcar un dereito básico do grupo parlamentar do BNG, e de paso, “estánse a conculcar os dereitos dos cidadáns por se dificulta o debate político sobre os problemas dos cidadáns”. Salientou que a decisión da Mesa de recurtar as iniciativas do BNG “é unha decisión que se toma conculcando asemade as garantías procedimentais básicas, cambiando incluso normas en vigor para dar a esta decisión un falso revestimento de legalidade”.

Recriminou á Mesa do Parlamento galego a aplicación na práctica dunhas normas para uns grupos e doutras para outros. Reprochou que se diga que se produciu unha modificación da composición no Parlamento galego cando hai un dado obvio: “o grupo parlamentar do BNG é o mesmo, segue a ter a mesma composición”. Neste sentido, puxo en evidencia “a táctica do PP para anular o debate parlamentar. Ao PP moléstalle a crítica e as propostas que fan formacións como o BNG”. É un “recurte de dereitos e liberdades. Quer amordazar ás formacións que lle molestan como o BNG”.

Dirixiu tamén as súas críticas cara Feijoó porque “sistematicamente négase a comparecer, ten convertidas as sesións de control en sesións de preguntas á oposición. Sen esquecer que o PP bloquea sempre as Comisións de Investigación”.

Carme Adán: “Vivimos momentos de anomalías democráticas”

Carme Adán afirmou que “vivimos momentos de anomalías democráticas no Parlamento galego” e criticou a decisión unilateral da Mesa de reducir ao grupo parlamentar do BNG a súa capacidade de presentación de iniciativas en pleno, e incluso “eu mesma fun expulsada pola Presidencia por facer uso do Regulamento por ter dereito a intervir dez minutos”.

A deputada do BNG puxo de manifesto que o grupo parlamentar do BNG decidiu presentar este recurso de amparo por dous motivos: un motivo político e un motivo moral. “Non estamos dispostos a que o Parlamento galego se convirta nunha casca valdeira. Considerámolo un espazo de debate e para elevar os problemas dos cidadáns”.

Engadiu asemade que “temos unha obriga moral porque debemos continuar trasladando ao Parlamento galego os problemas da xente e dos colectivos empobrecidos debido ás políticas do PP”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG