Davila pide a Báñez que atenda aos traballador@s das contratas de Telefónica pola súa precarización

CONGRESOA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna para manifestar o voto en contra do BNG ao Real Decreto-Lei 4/2015, de 22 de marzo, para a reforma urxente do sistema de formación profisional para o emprego no ámbito laboral.

Davila recriminou á Ministra de Traballo as súas afirmacións ao presentar o Real Decreto, xa que dixo que “era un Decreto para mellorar as condicións laborais dos traballadores”. “De verdade Señora Ministra cre que esta norma vai mellorar a situación dos traballadores e das traballadoras?”, preguntou Davila.

“Faga caso aos traballadores e traballadoras das contratas e subcontratas de Telefónica”

A deputada do BNG pediu á Ministra que baixara á realidade e puxo como exemplo a pésima situación pola que están a atravesar os traballadores e as traballadoras das contratas e subcontratas de Telefónica Movistar. “Esta mañá vanse manifestar polas rúas de Madrid miles de traballadores e traballadoras das contratas e subcontratas de Telefónica debido ás condicións laborais escravizantes que padecen. Persoas con formación de altísima calidade que son mileuristas Señora Ministra, e que traballan a destaxo, mentras os conselleiros da compañías cobran cantidades desorbitadas”.

Davila apuntou á reforma laboral como a causante desta lamentábel precarización laboral e conminou á Fátima Báñez a escoitalos, “fágalles caso porque a súa situación é a demostración de cal é a realidade, de cómo están os traballadores e as traballadoras”.

Criticou que de novo o Goberno lexisle mediante un Real Decreto cando debería presentar un proxecto de lei, criticou que se fixera sen o acordo dos axentes sociais e por riba invadindo competencias autonómicas. “Non nos estrana que non tivera acordo porque unha cousa é actuar contra a fraude, controlando e vixiando os gastos e a xestión que se fai dos cursos, e outra moi distinta é a libre concorrencia, quitando aos axentes sociais o papel de actores principais na actividade formativa”.

Lembrou o artigo 83.3 do Estatuto dos Traballadores, segundo o cal o estado ten a obriga de negociar con sindicatos e patronal os asuntos de ámbito laboral. Por certo, subliñou, “tamén tería que contar con sindicatos representativos como a CIG que participaron dos acordos estatais en formación continua e que foron excluidos polo Goberno”.

Finalmente, a deputada do BNG denunciou a invasión competencial. “Este Real Decreto invade competencias exclusivas en materia de execución da formación”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG