Vence encabeza a candidatura simbólica en Avión contra a política caciquil do PP en Ourense

Vence encabeza a candidatura anticaciquil de Avión con Fernando Rosendo e pecha Jorquera

O 97,2% dos galegos e galegas terán a opción de elixir unha papeleta do BNG-Asembleas Abertas nas eleccións do 24M polo que representa a única alternativa política nacionalista de esquerdas ao PP no conxunto do país.

Vence encabeza a candidatura anticaciquil de Avión con Fernando Rosendo e pecha Jorquera

 

O portavoz nacional, Xavier Vence, facía balance da presentación das candidaturas tras un proceso de asembleas abertas que concluíu coa conformación de listas amplamente renovadas con máis do 60% de caras novas, coa incorporación masiva de persoas independentes, “un 57% dos candidatos e candidatas non teñen carné do BNG”, e cunha significativa aposta pola xente moza, “de tal xeito que o 30% dos candidatos e candidatas teñen menos de 35 anos”.

A formación nacionalista presenta candidatura en 259 concellos do país. Nos 55 concellos onde non pecha candidatura, 36 son da provincia de Ourense, cifra que supón deixar fora da alternativa BNG-Asembleas Abertas ao 39% dos concellos da provincia e a un 14,6% dos electores e electoras, cifra que quintuplica a porcentaxe do 2,8% do resto do país.

O BNG considera que está situación mostra a “asfixia democrática” á que o PP ten sometido á provincia de Ourense en particular nos concellos do rural, onde facer política fora do “partido único” é en moitos casos “un acto heroico”.

Para denunciar esta situación, o Bloque presenta unha candidatura simbólica no Concello de Avión encabezada polo portavoz nacional, Xavier Vence, e que pecha o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, nutrida con cargos institucionais e orgánicos.

A deputada no Congreso, Olaia Fernández, Cosme Pombo e Montse Prado deputados no Parlamento galego, Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova e os membros da Executiva nacional Xavier Campos e Nestor Rego, acompañan na candidatura a Fernando Rosendo, María Veiga e Eugenio Salgueiro como militantes de Avión ata completar as once actas da corporación municipal.

Control feudal

“Como é posible que en 2015 se lle diga a un candidato que non pode ir na lista do Bloque porque a empresa para a que traballa contrata coa Deputación do PP e pode ter problemas?

Como é posible que se lle diga a unha candidata que podería ter traballo no concello, pero que non é posible porque vai na candidatura do BNG? Pois isto é o que fai o PP de Baltar e Feijóo en Ourense cun control férreo e feudal”, denunciaba Vence.

O Bloque chama a atención sobre a “tupida rede clientelar que utiliza Deputación como axente electoral”, capaz de exercer presión e mesmo “chantaxe política” sobre a veciñanza, “que percibe que facer política fora do PP ten un custe mesmo en termos de posibilidades laborais”.

Sen Zara, nin Citroën, o concello principal empresa

Como explicaba Fernando Rosendo, militante e número dous da candidatura, “no caso de Avión, como en outros moitos concellos da provincia, o Concello é a maior empresa que existe, alí non hai Citröen, nin zaras, nin corte inglés. No concello de Avión hai unha brigada, un curso de formación, un obradoiro de emprego nun momento de paro masivo onde ou emigras o se te quedas a única opción de traballo é someténdote aos poderes que mandan”.

O BNG fai fincapé en que con está candidatura simbólica tamén quere dar unha chamada da atención ao conxunto da cidadanía galega para “defender a calidade democrática” en todos os concellos do país, en particular á cidadanía urbana “que non é consciente das dificultades de exercer unha democracia real nunha parte do territorio”.

“A democracia real está laminada nunha parte deste país polo PP, cunha maquinaria de extorsión económica e política que no caso de Ourense exerce co poder omnímodo da Deputación para controlar a vida nos concellos”, denunciou Vence, tras subliñar que a candidatura simbólica de Avión é tamén un “recoñecemento ao compromiso de centos de candidatos e candidatos que, aínda nesta situación, conforman as listas de BNG-Asembleas Abertas”.

Unha candidatura simbólica e anticaciquil que o BNG optou por presentar tras as valoración feitas cos responsables da Comarca do Ribeiro, á que pertence o Concello de  Avión.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG