Adán lamenta que o Plan de Aforro enerxético non inclúa medidas contra a pobreza enerxética

A parlamentaria do BNG, Carme Adán aproveitou a comparecencia do director Xeral de Enerxía na presentación do Plan de aforro enerxético nas vivendas galegas, para reclamar “medidas urxentes” contra a pobreza enerxética en Galiza

Carme Adán en comisión

 A deputada do BNG, Carme Adán aproveitou hoxe a comparecencia do director Xeral de Enerxía, Bernardo Tahoces na Comisión de Industria para reclamar “medidas concretas” contra a pobreza enerxética en Galiza.

Na súa intervención, Adán lembrou que moitas familias afectadas pola imposibilidade de facer fronte a factura da electricidade “non poderán tampouco acceder” ao Plan de Aforro enerxético presentado hoxe no Parlamento por Tahoces polo que volveu reclamar do Goberno galego unha “estratexia efectiva” para erradicar a pobreza enerxética en Galiza.

Adán cualifica de fiasco a xestión do Goberno no eólico

As axudas publicitadas hoxe por Industria para aforrar enerxía nas vivendas, dixo a parlamentaria, deben ir acompañadas doutras explicacións da consellería como “o grande fracaso do sector eólico” por parte do Goberno galego. Levamos anos, remarcou , escoitando grandes frases despois de constatar o “fiasco” que o Goberno galego provocou no eólico.

A deputada tamén agardaba unha comparecencia con datos relativos á pobreza enerxética e a súa evolución, porque o aforro enerxético na vivenda galega no ano 2015 é un plan con medidas postas en marcha hai moitos anos polos diferentes gobernos e con distintas contías, por “mandato europeo”, para rematar coa pobreza enerxética.

O Plan de Aforro enerxético non presenta ningunha novidade

Unha parte do contido da súa comparecencia, afirmou, está recollido no Plan de Vivenda e Rehabilitación e a súa translación ás Comunidades Autónomas así como no Plan de eficiencia enerxética 2011-2020 e os diferentes Plans Renoves, polo tanto, “vostede hoxe ven aquí a falarnos de medidas que xa coñecemos e que non representan ningunha novidade”.

Cántas persoas e familias foron beneficiarias do tique enerxético?, unha medida, dixo, que supostamente acabaría coa pobreza enerxética ou cos problemas dos consumidores/as vulnerábeis?.

Intervención de Carme Adán

Non podemos esquecer que os malos equipamentos das vivendas provocan, en grande medida, escapes de enerxía sobre todo en zonas rurais e con moita humidade que causan graves problemas de saúde durante o inverno. O Plan presentado hoxe, volveu preguntar, chega a todos estes fogares?. Nós cremos que non, afirmou.

Fogares en pobreza enerxética non accederán ao Plan de aforro

Moitos fogares con pobreza enerxética, reiterou, non accederán ás subvencións e a aposta do Goberno pola biomasa tampouco resolve o problema, sentenciou a nacionalista.

Neste sentido, advertiu que a biomasa debe queimar “só materia forestal residual” pero non converter a Galiza nun gran “cultivo enerxético” porque sería un erro histórico.

Finalmente, a parlamentaria tamén preguntou ao director Xeral de Enerxía se o Plan de aforro non debería incluír “o autoconsumo” e lamentou que na sesión plenaria do Congreso o propio Rajoy respondera hoxe á deputada do BNG , Olaia Fernández Davila que non se aplicará unha tarifa eléctrica galega para non discriminar ao resto dos usuarios/as do Estado, a pesar de ser “Galiza excedentaria de enerxía”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG