Pontón: " O Plan para dinamizar a lingua galega non contén medidas nin orzamento"

POntón e Pombo escoitan ao Secretario Xeral de Normalización Lingüística

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón mostrou o seu malestar por non recibir, con antelación, o documento presentado hoxe polo Secretario Xeral de Política Lingüística e denunciou que o descoñecemento previo do Plan, “furtou o debate” dos grupos parlamentarios na comparecencia de Valentín García.

Ana Pontón na comparecencia de Valentín García

A deputada do BNG, Ana Pontón apelou ao Regulamento para denunciar que o Plan de dinamización da lingua galega, presentado hoxe polo secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, non foi remitido con anterioridade ao Parlamento o que impediu o coñecemento dos grupos parlamentarios e furtou o debate na Comisión de Educación e Cultura.

Pontón reiterou a súa petición do documento co fin de celebrar “un debate racional” e que a comparecencia do secretario Xeral non se convertera “nun exercicio de propaganda” polo que apelou ao propio Regulamento para xustificar a súa solicitude.

Pola súa parte a presidencia da Mesa, María Soledad Piñeiro considerou que o documento era “complementario” á comparecencia de Valentín García polo que desestimou a petición da nacionalista.

A política de Feijóo é un novo Prestige para o galego

Tras a comparecencia do Secretario Xeral, a deputada acusou ao Partido popular de “cinismo” e de non defender a lingua galega, temos unha política, dixo, que dende a chegada de Núñez Feijóo, no aspecto lingüístico, destacou polos permanentes “ataques” o que, ao seu entender, significa “un novo Prestige” para o noso país, “contaminou e arrasou unha parte da nosa lingua e nos inundou de mentiras e cinismo político”.

Ana Pontón e Cosme Pombo na Comisión de Educación e Cultura

Sobre a comparecencia dixo que foi anunciada para informar da promoción e dinamización da lingua galega, con especial atención ao ámbito socieconómico, pero resulta ser un Plan “que ninguén coñece nin vai contar con orzamento”. A ese documento, engadiu, só pode ter acceso o secretario de Política Lingüística, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura galega. Se vostede tivera interese en debater ese documento, afirmou, “ xa nolo tería remitido” con anterioridade para permitir que o puideramos debater e non presenciar hoxe “outra declaración de amor” que unha vez máis, responde á “falta de política da Xunta de Galiza e á normalización”.

A Xunta muda o termo normalización por dinamización

Sobre esta cuestión, a parlamentaria explicou que a lingua “non esta parada” senón que o galego vive unha clara situación de discriminación e o que precisamos, recalcou, son políticas de “normalización” para sacar a nosa lingua do apartheid lingüístico actual.

POntón e Pombo escoitan ao Secretario Xeral de Normalización Lingüística

É unha falta de “respecto democrático” non remitir de antemán o plan e repetir unha comparecencia que non aporta nin recursos económicos nin obxectivos. Na etapa de Anxo Lorenzo, lembrou produciuse un “retroceso” no ámbito lexislativo “ brutal” que provocou que se incremente a discriminación e marxinalidade da lingua galega e agora con vostede, “o desmantelamento é económico e técnico da normalización lingüística”.

Finalmente, a deputada rematou á súa intervención afirmando que o plan presentado hoxe só persegue “marearnos durante todo o ano 2015 pero sen ningunha medida práctica nin orzamento”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG